
O Centro de Formación Audiovisual da Deputación de Lugo iniciou este mércores o curso 2026-2027 cunha xornada de presentación, na que o equipo directivo e docente deu a benvida ao alumnado de 1º e 2º dos ciclos superiores de Realización de Proxectos Audiovisuais e Espectáculos e de Produción de Proxectos Audiovisuais e Espectáculos.
As e os estudantes de 1º tiveron ocasión de coñecer as instalacións do centro e mantiveron un primeiro contacto cos seus compañeiros e profesores. Ademais, recibiron información sobre a planificación do curso, os horarios e outros aspectos organizativos de interese de cara ao novo ano académico.
Desde a súa posta en marcha no ano 2003, polo Centro de Formación Audiovisual da Deputación preto dun milleiro de alumnos e alumnas pasaron polas súas aulas e instalacións para formarse e dar os primeiros pasos profesionais nun sector.
Na apertura do curso os responsables da Deputación referendaron a súa aposta por “un modelo de ensino público e de calidade, con matrícula gratuíta e unha formación próxima, individualizada e estreitamente vinculada á realidade profesional do sector audiovisual”.
O centro conta ademais cun equipo formado por nove docentes.
Salientaron que unha das principais características deste modelo “é precisamente a posibilidade de aprender traballando con equipamento técnico e en situacións reais”. O centro conta cunha produtora propia na que o alumnado pode realizar prácticas e participar en proxectos audiovisuais, achegándose ás dinámicas de traballo que atopará posteriormente no mercado laboral.
Esta conexión coa realidade profesional tamén se reflicte na traxectoria dos antigos alumnos e alumnas. En cada edición dos Premios Mestre Mateo, os principais galardóns do audiovisual galego, é habitual atopar entre as candidaturas ou persoas recoñecidas profesionais que pasaron polas aulas do Centro de Formación Audiovisual da Deputación. “Unha presenza que evidencia o percorrido profesional de moitos dos estudantes que se formaron neste centro e a súa incorporación ao tecido audiovisual galego”, salientaron dende a administración provincial.
Aínda quedan prazas
O prazo extraordinario de matrícula permanecerá aberto ata o mes de outubro para cubrir as vacantes que quedan nos dous ciclos superiores. As persoas interesadas poden obter información na páxina web da Deputación, chamando ao teléfono 982 284 667 ou acudindo directamente á sede do Centro de Formación Audiovisual, situada na rúa Frei Plácido Rei Lemos, na cidade de Lugo.

