
A RAG quixo comezar curso cunha gran novidade lingüístico-tecnolóxica: unha nova ferramenta en liña para a consulta, o estudo e a aprendizaxe do galego. A Real Academia Galega estreou hoxe o Dicionario castelán-galego (DRAGBIL) en liña, en palabras da entidade “unha obra moderna cunha forte vocación pedagóxica”.
O presidente da Real Academia Galega, o muradán Henrique Monteagudo; a directora deste novo DRAGBIL, a académica María Dolores Sánchez Palomino; e o coordinador do Seminario de Lexicografía, Manuel González González, presentaron en rolda de prensa o repertorio dixital, que pode consultarse xa na web da RAG e que tamén está dispoñible a través da aplicación do dicionario monolingüe para Android e iOS.
Segundo engadiron, o novo DRAGBIL consta dunhas 26.000 entradas, 55.200 acepcións, máis de 87.000 sinónimos de tradución e unhas 6 000 frases feitas.
“Estas cifras”, sinalaron, “dan conta dun exhaustivo traballo que arrincou en 2014, e que significou máis ca unha mera revisión da edición en papel do Dicionario bilingüe castelán-galego que fora publicado pola RAG publicara en 2004”.
A publicación incorpora ademais 1.000 novos lemas, preto de 7.000 acepcións incorporadas, uns 15.000 sinónimos de tradución máis e 800 fraseoloxismos non incluídos na obra lexicográfica que serviu como punto de partida.
Fíxose a maiores “un importante esforzo de actualización” de moitos artigos e na xeración dos exemplos. En total, modificáronse nalgunha medida practicamente o 95 % das entradas, engadiu a RAG na presentación.

Monteagudo explicou que “o Dicionario bilingüe castelán-galego en liña é un exemplo máis da vocación de servizo público da RAG, que se esforza en dar resposta ás demandas tanto de estudantes e de profesionais coma da sociedade en xeral. Un dos pedimentos que recibimos con máis intensidade por parte do público atinxe todo o relacionado coas ferramentas de consulta da nosa lingua. A grande acollida do dicionario monolingüe —en liña dende 2012— é boa proba disto, pero tamén se nos viña expresando a necesidade de contarmos cunha ferramenta bilingüe en liña. O dicionario que hoxe presentamos é, neste sentido, unha ferramenta estratéxica, porque moita xente chega ao galego a través do castelán, tanto persoas galegas castelanfalantes coma doutras orixes”.
O presidente apuntou tamén que “a Academia agarda en calquera caso ofrecer no futuro tamén unha ferramenta galego-castelán, pero entrementres a rede de buscas avanzadas do DRAGBIL fai que sexa en gran medida un dicionario reversible ao permitir obter información igualmente na dirección galego-castelán”.
Pola súa banda, Sánchez Páramo sinalou que “o Dicionario castelán-galego en liña responde aos criterios da lexicografía bilingüe moderna e combina as tendencias actuais cos trazos que veñen sendo tradicionais e resultan moi positivos na lexicografía académica galega. A partir de agora, da mesma maneira que se fixo e se fai co dicionario monolingüe, o DRAGBIL será obxecto dunha actualización continua para completalo e melloralo progresivamente. Debemos dedicarlle unha atención permanente, tanto no que atinxe ao diálogo cunha sociedade en mudanza constante coma no referido aos dicionarios académicos monolingües do galego e do castelán”.
Na mesma liña, Manuel González valorou “o novo chanzo na aplicación máis sistemática dos criterios metodolóxicos” adoptados na edición de 2004 que constitúe esta versión en liña e a necesaria incorporación de novas entradas. A ferramenta que hoxe se presenta “vai facilitar a continua actualización dunha maneira máis dinámica, en coordinación coa actualización do Dicionario da lingua galega da Academia e de acordo coas necesidades dos usuarios”, engadiu quen foi o codirector da edición impresa canda Constantino García (1927-2008). O director do dicionario monolingüe quixo lembrar o principal impulsor deste proxecto e felicitou tamén a Dolores Sánchez Palomino polo “meticuloso traballo de actualización” do bilingüe xa á disposición de todos os usuarios.
O DRAGBIL en liña realizouse coa colaboración económica da Xunta de Galicia e do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Na súa presentación agradécese tamén o apoio da Fundación Barrié que permitiu impulsar os traballos da área lexicográfica da Real Academia Galega e mais ofrecer a aplicación do Dicionario da Real Academia Galega.
Moito máis ca unha lista de sinónimos de tradución

O DRAGBIL distínguese, entre outros trazos, polo tratamento outorgado aos equivalentes do lema. De feito, “achega o maior número posible deles, pero a diferenza do que acontece en moitos dicionarios bilingües, non se limita a ofrecer os sinónimos de tradución dunha lingua a outra”, advertiu María Dolores Sánchez Palomino, engadindo que “esta é unha obra cunha importante dimensión didáctica, que é unha constante nos dicionarios da RAG, e que se reforza en publicacións que teñen unha especial importancia para o mundo do ensino. En relación con esta dimensión, prestámoslle moita atención ao aspecto contrastivo ou distintivo, porque a relación entre as linguas castelá e galega presenta unha problemática específica, froito en moitas ocasións da situación de contacto en que conviven e da súa proximidade estrutural. E esta relación xera non poucos elementos que entran nesa esfera contrastiva e diferencial”.
Esta realidade é atendida en múltiples apartados, dende as observacións ao coidado que merecen os contextos de uso, pasando polo destacado incremento das frases feitas e a identificación dos falsos amigos, as palabras que poden compartir ambas as linguas pero contidos diverxentes, parcial ou totalmente. “É o caso de voces coma rubio ou estudio, que en galego só significa ‘lugar de traballo’, mentres que ao feito de estudar lle chamamos estudo”, exemplifica a directora da obra. De igual xeito, advírtense as diverxencias en cuestións de xénero e número entre o lema castelán e o equivalente en galego, que se dan en numerosos casos coma o da palabra sal, masculina no noso idioma e feminina en castelán. O mesmo sucede coas construcións verbais, que en ocasións presentan diferenzas entre ambas as dúas linguas.

