
Un dos principais encontros internacionais no eido das finanzas cuantitativas: a International Conference on Computational Finance (ICCF2026), celebrado en Oxford do 1 ao 4 de setembro, acolleu a seis investigadores do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC). A esta cita acoden investigadores e profesionais de referencia no ámbito das finanzas, ademais de contar cunha xornada adicada á industria.
Cómpre sinalar que a presenza do CITIC enmarcouse en dúas das sesións científicas do programa. Álvaro Leitao e José Germán López participaron na sesión especial Stochastic Control and Learning Methods for decision-making under uncertainty with Applications to Energy, Climate, and Finance, centrada en métodos de control estocástico e aprendizaxe para a toma de decisións en contextos de incerteza, con aplicacións en eidos como a enerxía, o clima e as finanzas.
Pola súa banda, Héctor Folgar, Pablo Pérez, Joel Pérez e Carlos Vázquez participaron na sesión ECMI SIG: Computational Methods for Finance and Energy Markets, centrada nos métodos computacionais aplicados aos mercados financeiros e enerxéticos.
Alén da súa participación no programa científico, Carlos Vázquez, investigador do CITIC, formou parte do comité científico do ICCF2026, contribuíndo á organización e avaliación científica desta edición do congreso.
Engadir que a serie de congresos ICCF daba comezo en Greenwich en 2015, como unha iniciativa vinculada ao proxecto europeo STRIKE, no que tamén participaba a Universidade da Coruña. En 2019, o encontro celebrouse na Coruña e nesta edición de 2026 tivo como sede a Universidade de Oxford.

