
A entidade estatal Red.es lanzou onte un convite xeral para impulsar o desenvolvemento de modelos de intelixencia artificial (IA) para novas firmas innovadoras (startups) e pemes tal como anunciou a presidenta da entidade, María González Veracruz, secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia artificial, nun acto sobre economía dixital organizado pola Cámara de Comercio de España.
Este convite, sinalou, ten como obxectivo seleccionar entidades ou agrupacións coas que asinar convenios de colaboración para que, mediante a posta ao dispor de plataformas de IA, desenvolvan casos de uso baseados en IA que dean resposta a problemas reais dos seus procesos de negocio.
Segundo destacou González Veracruz, esta iniciativa do Gobierno de España está “pensada especificamente para que as nosas pemes e startups poidan incorporar esta tecnoloxía e aplicala a problemas reais dos seus negocios”. Engadiu que a finalidade é “facelo da man do sector porque este é o obxectivo de todo o que estamos a facer: que a intelixencia artificial, como infraestrutura de país, non sexa unha tecnoloxía ao alcance duns poucos, senón unha ferramenta de competitividade e crecemento para todo o noso tecido produtivo”.
Os proxectos seleccionados deberán desenvolver solucións que permitan ás firmas experimentar e aplicar a intelixencia artificial nos seus procesos produtivos e de negocio. Para iso, cada convenio deberá xerar polo menos 30 casos de uso orientados a dar resposta a necesidades produtivas e empresariais en distintos sectores económicos. Xeneralizaranse polo menos 15 dos 30 casos de uso desenvolvidos, de modo que, mediante as adaptacións necesarias, poidan ser utilizados por un amplo número de pemes e startups para optimizar os seus procesos produtivos e de negocio.
Orzamento de ata 40 millóns de euros

As actuacións financiaranse mediante fondos propios de Red.es e achegas das entidades colaboradoras coas que se asinen convenios. Red.es poderá financiar ata o 80% de cada proxecto, cunha contribución máxima de 12 millóns de euros por convenio, mentres que as entidades colaboradoras, as asinantes dos convenios, contribuirán con, polo menos, o 20%.
Selección de entidades
No convite poderán participar asociacións empresariais e profesionais, así como centros tecnolóxicos e de apoio á innovación tecnolóxica, que desenvolvan actividades relacionadas coa intelixencia artificial e a mellora da competitividade das pemes. As entidades poderán presentarse de forma individual ou en agrupacións de ata cinco membros.
As solicitudes poderán presentarse durante dous meses a partir do día seguinte á publicación da invitación na sede electrónica de Red.es.
Para a escolma das entidades colaboradoras valoraranse aspectos como a capacidade técnica e humana das entidades solicitantes, a dispoñibilidade e capacidades da plataforma de intelixencia artificial proposta, a experiencia no desenvolvemento de casos de uso, a metodoloxía prevista para o seu desenvolvemento e reutilización, os mecanismos para favorecer a participación de startups, pemes e socios tecnolóxicos, así como as actuacións previstas para a difusión dos resultados.
Os convenios que se formalicen terán unha duración de dous anos.

