
Dous proxectos empresariais de Santiago de Compostela regresan premiados da 13ª edición do Pont-Up Store, que pechou este sábado 12 en Pontevedra. O proxecto nosDeu conseguiu o principal recoñecemento do encontro ao ser elixido Proxecto do Ano 2026, ademais de recibir o premio na categoría de TIC, mentres que Diversa Technologies foi distinguida na modalidade de saúde e benestar polo seu proxecto Sphirence.
O xurado destacou que o dobre recoñecemento sitúa o foco sobre dúas formas diferentes de innovar desde Santiago: unha baseada en novas fórmulas de cooperación e organización profesional e outra nacida da transferencia ao mercado do coñecemento científico e biotecnolóxico.
nosDeu, Proxecto do Ano

nosDeu é unha cooperativa nacida de máis dunha década de colaboración profesional entre as persoas que a integran, que decidiron dotarse dunha estrutura compartida e horizontal para desenvolver proxectos con maior autonomía. A proposta conseguiu o premio ao Proxecto do Ano do Pont-Up Store 2026, o principal galardón do encontro, e foi tamén recoñecida como mellor iniciativa na categoría de TIC.
Diversa leva a nanotecnoloxía á cosmética

O segundo premio compostelán foi para Diversa Technologies, spin-off biotecnolóxica do IDIS e do SERGAS, recoñecida na categoría de saúde e benestar polo proxecto Sphirence. Diversa desenvolve tecnoloxía baseada en nanosistemas lipídicos e constitúe un exemplo de transferencia ao mercado do coñecemento xerado desde a investigación pública.
Con Sphirence, a empresa traslada esta tecnoloxía ao ámbito da cosmética avanzada, mediante sistemas de encapsulación destinados a mellorar a estabilidade, absorción e liberación dos ingredientes activos. O proxecto tivo unha presenza especialmente destacada no Pont-Up Store 2026, xa que participou cun stand e tamén no Pont-Up Venture, a modalidade destinada a conectar novas firmas innovadoras con investidores.
O Pont-Up Store 2026 reuniu nesta edición 35 emprendementos participantes en 48 modalidades, procedentes maioritariamente de Galicia, nunha selección marcada pola crecente presenza da tecnoloxía, a biotecnoloxía, a sustentabilidade e os proxectos xurdidos da investigación.

