
Apple está a reformular iCloud+ para convertelo nunha subscrición que 1vai máis alá do almacenamento na nube ao incorporar Apple TV e Apple Arcade sen custo adicional a todos os plans de pagamento de iCloud+ en máis de 100 países e rexións, incluído o nivel de 50 GB.
Esta medida está limitada a mercados emerxentes, polo que deixarían fóra a Europa, pero podería indicar unha estratexia da compañía de Cupertino por atraer usuarios aos seus servizos de subscrición (na liña do que fan os operadores de telecomunicacións coas súas ofertas converxentes), así como transformar iCloud+ nunha versión reducida de Apple One (que en numerosos mercados tiña unha oferta de servizos reducida, polo que carecía de sentido comercial).
Os usuarios que xa teñan contratado iCloud+ obterán automaticamente acceso a Apple TV e Apple Arcade, mentres que os clientes de Apple TV ou Apple Arcade que os teñan contratados por separado pasarán a un plan iCloud+ e deixarán de pagar as subscricións individuais. A expansión tamén leva o servizo de vídeo a 59 novos países, ata alcanzar unha dispoñibilidade en 170 mercados.
A integración tamén se estende a Compartir en familia, polo que unha subscrición pode dar acceso ao almacenamento, Apple TV e Apple Arcade ao titular e ata cinco familiares. En India, por exemplo, o novo iCloud+ parte de 75 rupias ao mes para 50 GB, o que ao cambio serían 0,68 euros, o que sería unha barreira moi baixa para introducirse neste tipo de subscricións (especialmente se temos en conta que Apple TV de xeito independente custa 9,99 euros/mes en España e 14,99 dólares/mes nos EE.UU.).
A nova proposta inclúe ademais Apple Music Select, unha selección de emisoras sen publicidade programadas por Apple Music. Non ofrece o catálogo completo do servizo musical, pero permite acceder a emisoras temáticas e musicais directamente desde a aplicación Apple Music. Os usuarios que queiran a experiencia completa poden contratar Apple Music por separado.

