
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, compareceu hoxe no Parlamento para abordar as políticas de convivencia e igualdade do sistema educativo. Na súa intervención puxo o foco no ámbito dixital e no traballo que está a desenvolver a Xunta para estender os principios básicos dunha boa convivencia escolar, con especial atención ao impacto das novas tecnoloxías.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP fixo fincapé na corresponsabilidade das familias e na colaboración con elas para protexer o benestar dixital do alumnado. «Unha parte importante da vida dixital dos menores prodúcese fóra do recinto escolar, pero afecta á convivencia nos centros», sinalou.
Para avanzar nesta responsabilidade compartida, a Xunta puxo en marcha o Contrato de Vida Dixital, unha ferramenta voluntaria de corresponsabilidade entre alumnado, familia e centro educativo que busca establecer un marco común para abordar cuestións como os hábitos, os límites, a privacidade, o respecto, o uso responsable da tecnoloxía e a petición de axuda ante posibles problemas.
Esta medida intégrase no Plan Integral de Benestar Dixital da Xunta, que sitúa a prevención, o uso responsable da tecnoloxía e a implicación das familias como elementos fundamentais. A iniciativa respecta o espazo privado dos fogares, ao tempo que promove actividades de formación para nais e pais e pon á súa disposición instrumentos como o Contrato de Vida Dixital para facilitar o acompañamento educativo dos menores.
Tal e como explicou a directora xeral, o benestar dixital implica «convivencia, igualdade e protección». Non se trata só de reducir o tempo diante das pantallas, senón de conseguir que o alumnado aprenda a relacionarse coa tecnoloxía dun xeito seguro e equilibrado e a convivir cos demais tamén no espazo dixital. Para iso, a Consellería de Educación traballa a través deste plan no desenvolvemento das competencias necesarias para identificar condutas que poidan vulnerar tanto os propios dereitos como os dos compañeiros.
A Estratexia Galega de Convivencia Escolar xa incorporou esta dimensión, situando a prevención e a intervención ante o ciberacoso e as novas formas de violencia dixital dentro da resposta do sistema educativo. O Plan Integral de Benestar Dixital reforza esta liña creando condicións para previr estas situacións, formando o alumnado e acompañando os centros e as familias.
Lei de educación dixital
A directora xeral referiuse tamén á nova lei de educación dixital como un paso máis para regular este ámbito e establecer dereitos, garantías e regras claras ante os desafíos que as novas tecnoloxías e a intelixencia artificial xa supoñen no día a día dos centros educativos. O texto ten en conta tamén as demandas das familias a favor dun uso equilibrado destas ferramentas.
Para a súa elaboración, a Xunta contou coa participación de persoas expertas, profesorado e colectivos profesionais, familias, dirección dos centros, inspección educativa, organizacións sindicais, universidades e Consello Escolar de Galicia. Ademais, durante o proceso de consulta pública previa recibíronse 660 achegas e opinións que contribuíron a enriquecer o texto.
«Queremos que Galicia siga avanzando na transformación dixital do ensino, pero queremos facelo cun criterio inequívoco, o de que a tecnoloxía debe estar ao servizo da educación e nunca a educación ao servizo da tecnoloxía», salientou a representante da Xunta. A convivencia, a seguridade e o dereito do alumnado a convivir en igualdade deben, segundo indicou, guiar as decisións educativas neste ámbito.
