
A Comisión Europea porá en marcha unha nova lexislación para limitar o acceso dos menores ás redes sociais, tal e como adiantou hoxe a presidenta do Executivo comunitario, Ursula von der Leyen, durante o discurso sobre o Estado da Unión Europea, celebrado na sede do Parlamento Europeo en Estrasburgo.
A proposta establece que entre os 13 e os 15 anos os menores só poderán ter contas persoais en plataformas infantís supervisadas polos seus pais. A partir dos 15 anos e ata a maioría de idade, as redes sociais estarán obrigadas a aplicar mecanismos de deseño que eviten funcionalidades capaces de xerar comportamentos adictivos.

Europa ten capacidade para actuar. Somos nós quen decidimos as nosas normas, non as grandes tecnolóxicas
Ursula von der Leyen
A iniciativa comunitaria fixa inicialmente unha idade de acceso inferior á anunciada polo Goberno español. Pedro Sánchez avanzou en febreiro que o Executivo pretendía prohibir o acceso ás redes sociais aos menores de 16 anos e establecer responsabilidade penal para os directivos das plataformas dixitais pola difusión de contidos ilícitos.
Von der Leyen recorreu ao caso de Olea, unha nena belga de 14 anos que morreu por suicidio hai un mes tras sufrir acoso na Internet, para defender a necesidade de reforzar a protección dos menores. A presidenta da Comisión citou entre as consecuencias asociadas ao uso das plataformas «a perda de sono, a ansiedade, as autolesións e incluso traxedias mortais derivadas do ciberacoso».

Durante o discurso, tamén lembrou as palabras da nai da menor, que reclamou medidas para evitar que outros nenos sufran unha situación semellante: «Estou convencida de que, sen estas redes sociais omnipresentes, a miña filla seguiría aquí. Isto é demasiado». Von der Leyen rematou a referencia coas palabras «Xa basta».
A proposta tamén pretende actuar sobre o deseño das propias plataformas. A presidenta da Comisión sinalou que os usuarios «non teñen que aceptar funcionalidades deseñadas para xerar adicción» nin sistemas que conduzan os menores cara a contidos cada vez máis extremos. Tamén advertiu do uso de fotografías de menores para xerar con intelixencia artificial imaxes sexualizadas.
Segundo os datos citados por von der Leyen, os mozos europeos pasan entre catro e seis horas diarias diante das pantallas, en parte atraídos por feeds deseñados para favorecer un consumo continuado de contidos.
A Comisión Europea pretende ademais inverter a carga da proba para que sexan as plataformas as que teñan que demostrar que os seus servizos son seguros. Neste marco, Bruxelas presentará no outono a Lei de Equidade Dixital (Digital Fairness Act), coa que pretende limitar os deseños considerados adictivos.

