
A Fundación Barrié e o ITG (Instituto Tecnolóxico de Galicia) acaban de anunciar a VI edición da Liga Maker Drone, unha iniciativa educativa e tecnolóxica pioneira en España que se basea no uso dos drons co fin último de estimular o interese por científico-tecnolóxico entre as novas xeracións. Os equipos que estean interesados en participar nesta competición escolar, aberta a estudantes de 2ª de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) de toda Galicia, poderán inscribirse en liña ata o 25 de setembro.
Os equipos participantes terán que dar solución a un problema social concreto que se lles exporá desde a organización. Na anterior edición, na que participaron 170 estudantes de centros escolares das catro provincias galegas, o reto proposto consistiu en deseñar, programar e voar un sistema sobre un dron para evitar os accidentes laborais que poden producirse ao levar a cabo traballos en altura.

As prazas para participar están limitadas a 18 equipos e existirá unha listaxe de reserva con 5 equipos. Os equipos deben ter un mínimo de 7 e un máximo de 10 integrantes, distribuídos entre 6-8 titulares, un mentor (opcional) e un coordinador (profesor-titor), que terá un rol activo no desenvolvemento das actividades e do traballo autónomo do equipo.
O calendario da liga Maker Drone comeza cunha xornada de presentación da competición e do reto, dirixida aos equipos participantes. Logo cada equipo realizará unha sesión de introdución á pilotaxe de drons, na que se abordarán aspectos relacionados co funcionamento e a seguridade, así como exercicios prácticos. A continuación os participantes recibirán formación tecnolóxica en tres sesións sobre materiais e fabricación, mecatrónica e sistemas avanzados, orientada a proporcionarlles as nocións necesarias para deseñar e programar a súa solución.
Finalmente os equipos participarán en sesións de adestramento de voo para adquirir e perfeccionar as destrezas necesarias para pilotar o dron durante a competición.
En maio de 2027 celebrarase a Xornada de Exhibición, na que se presentarán as solucións deseñadas por cada equipo. As demostracións serán valoradas por un xurado especializado, segundo as seguintes categorías:
- Premio ao equipo gañador da competición. Esta categoría resolverase en modo torneo, no que os equipos competirán de maneira simultánea para completar a misión definida no reto.
- Premio ao mellor deseño. Nesta categoría valorarase a optimización do deseño, segundo os requisitos técnicos especificados: menor peso, menor custo, etc.
- Premio á solución máis disruptiva. Nesta categoría valorarase a creatividade e innovación da solución proposta para a resolución do reto.
- Premio á destreza no voo. Nesta categoría valorarase a destreza na pilotaxe do dron.
- Premio á mellor presentación. Nesta categoría valorarase a expresión oral, a claridade e os medios gráficos empregados para a exposición.
Obxectivos xerais

A través dunha experiencia participativa e estimulante, a Liga Maker Drone persegue os seguintes obxectivos: contribuír á orientación profesional dos estudantes cara ás carreiras STEM a través da presentación práctica de diferentes disciplinas e as súas aplicacións; difundir o coñecemento tecnolóxico de maneira amigable, tratando de superar a percepción de materia complexa que se ten dela, utilizando novas fórmulas participativas na aula; contribuír á educación científico-técnica da sociedade, mediante actividades demostrativas dos desenvolvementos realizados polo alumnado; e potenciar entre os novos valores como a autonomía, a creatividade, o enxeño e a capacidade de traballo en equipo.
A Liga Maker Drone cultivou nas súas cinco primeiras edicións un importante éxito ao congregar nas súas xornadas de exhibición final na Coruña a máis de 5.000 asistentes. Dos centros escolares das catro provincias que competiron para mostrar as solucións que desenvolveron para responder o reto da liga, os que se alzaron como equipos gañadores do torneo foron; na primeira edición, o CPR Santa María del Mar, da Coruña; na segunda edición da liga, o CPR A nosa Señora do Carme, de Betanzos; na terceira edición, o IES Carlos Casares, de Vigo; e na cuarta e quinta, o CPR Montecastelo, de Vigo, por conseguir levar a cabo a misión no menor tempo.
