
O Campus de Ourense acolleu onte a celebración do seminario Fenda dixital e xustiza inclusiva. Retos para unha transformación dixital accesible, próxima e garantista. No seu transcurso avaliáronse os retos e oportunidades que a dixitalización da administración de Xustiza achega aos colectivos máis vulnerables. Dirixido por Inés Celia Iglesias Canle e Ana Isabel González, o seminario estivo organizada desde o Instituto Universitario de Investigación Xustiza e Xénero; as facultades de Dereito e Ciencias Xurídicas e do Traballo e a Área de Dereito Procesual, co apoio da Deputación de Ourense.
A xornada, coordinada por Helena López, articulouse en diferentes mesas. Na primeira delas abordáronse os colectivos en risco de exclusión social ante a dixitalización, a xustiza dixital accesibel e a linguaxe xurídica clara, con intervencións de Iglesias Canle, Ana Isabel González e Laura Scialò.

Na segunda, moderada por Ana Isabel González, profundouse na xustiza dixital inclusiva desde unha perspectiva histórica, xurídica, social e tecnolóxica, con intervencións de Helena López sobre a fenda dixital de xénero; de Enrique Barreiro sobre o deseño de ferramentas dixitais para todas/os, e de María José Bravo Bosch sobre fenda dixital, igualdade e protección das persoas en vulnerabilidade.

O seminario naceu en relación cun proxecto sobre a xustiza dixital inclusiva en Ourense, liderado pola investigadora Ana Isabel González e realizado grazas á convocatoria de axudas a grupos de investigación do Campus de Ourense Inou 2026, financiada pola Deputación. Nel abordouse o reto de que a xustiza chegue, en igualdade de condicións para a cidadanía, a todos os puntos da provincia, aproveitando a dixitalización e superando dificultades de dispersión xeograficamente, idade e todo tipo de condicionantes.
