
O programa Galicia Avanza, destinado á internacionalización de pemes galegas consolidadas ou novas firmas innovadoras, vén de seleccionar 15 novas empresas para a súa V edición.
Galicia Avanza é unha iniciativa posta en marcha en 2022 froito da colaboración entre a Consellería de Economía, o IGAPE e o Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole, entidade encargada da súa xestión e coordinación.
Das empresas seleccionadas, 11 proceden da provincia de Pontevedra, 2 de Ourense e outras 2 da Coruña. Ao longo dos vindeiros meses, terán a oportunidade de acceder a un programa integral de apoio á internacionalización, que se prolongará ata maio de 2027, con itinerarios personalizados para cada unha delas.
Poderán beneficiarse de servizos como a protección internacional das súas marcas e deseños industriais, a realización de estudos e prospección de mercados, a confección de axendas internacionais ou calquera outro que se considere esencial para a súa aceleración nos países de interese.

Unha das firmas seleccionadas fabrica sistemas de protección solar e contra insectos, e quere lanzar ao mercado exterior unha mosquiteira de desenvolvemento propio. Comprometida coa filosofía slow fashion, outra das pemes busca exportar os seus bolsos e complementos de pel de alta calidade.
Seleccionouse así mesmo unha empresa dedicada á reparación, mantemento, reacondicionamento e construción de embarcacións, cuxo propósito é internacionalizar un barco de recreo propio.
Hai tamén unha firma centrada na cosmética natural que pretende levar a outros países unha marca e unha plataforma dixital que agrupa produtos de pequenos produtores galegos.
Outra, especializada en microbiota, probióticos e complementos alimenticios, quere comercializar no mercado internacional tanto os seus produtos como os seus servizos de formación.
No eido agroalimentario, está representada unha empresa que traballa na produción, selección, transformación e comercialización de castaña; e cuxa idea é vender no exterior a súa castaña galega conxelada, enteira ou pelada e adaptada a distintos formatos profesionais.
Formará ademais parte desta edición unha compañía de enxeñaría que deseñou unha plataforma para a xestión, monitoraxe e optimización de instalacións, infraestruturas e equipos que producen, transportan ou almacenan enerxías renovables.
Outra das empresas beneficiarias fabrica biocidas e produtos para o control de pragas con formulacións propias, en particular raticidas, trampas e portacebos.
E hai unha firma que quere reforzar internacionalmente as súas solucións de iluminación exterior intelixente, mobiliario urbano sostible e sistemas propios dunha Cidade Intelixente (Smart City).
Do turismo presencial ao turismo virtual

Entre as pemes beneficiarias, hai unha dedicada ao desenvolvemento de solucións tecnolóxicas para o sector turístico. Preséntase ao programa Galicia Avanza cun software para aloxamentos turísticos que facilita o check-in biométrico, o acceso á habitación e, en xeral, a optimización de procesos neste eido.
Tamén se seleccionou unha empresa tecnolóxica especializada en telecomunicacións e deseño de plataformas dixitais no ámbito do patrimonio, o turismo intelixente e as industrias culturais. O seu obxectivo é internacionalizar unha plataforma na nube destinada a crear e xestionar miradoiros intelixentes, rutas patrimoniais e espazos de interpretación mediante realidade virtual e intelixencia artificial.
As novas tecnoloxías e a intelixencia artificial
Unha das empresas que vai participar no programa comercializa dispositivos electrónicos e busca internacionalizar un smartphone ultrarresistente, con cámara termográfica e telémetro láser integrado para inspección e mantemento técnico. Outra creou unha plataforma para monitorizar, controlar e xestionar en tempo real contornas industriais, infraestruturas e redes de comunicacións. Tamén hai unha firma que desenvolve modelos e moldes 3D de gran formato para fundición e impresoras 3D industriais a medida, solucións orientadas á optimización das cadeas de subministración industriais.
Ademais, unha das compañías seleccionadas aplica a intelixencia artificial para mellorar os procesos empresariais. Entre os seus produtos destaca un asistente de ofertas de emprego, produtos e servizos, baseado na privacidade dos usuarios; e un asistente virtual empresarial que mellora a toma de decisións.
