
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) completou a renovación dos postos dixitais das 69 oficinas rurais da Consellería do Medio Rural, cun investimento de 532.544 euros. A actuación permitiu modernizar 498 postos de traballo e adaptalos a modelos máis flexibles, capaces de combinar o traballo en oficina coa actividade a pé de explotación.
A medida responde especialmente ás necesidades do persoal técnico das oficinas rurais, que combina habitualmente tarefas administrativas con inspeccións, controis, visitas, asesoramento e seguimento sobre o terreo. Para atender os diferentes perfís profesionais da rede, AMTEGA deseñou solucións específicas para o persoal técnico dos servizos veterinarios, o dos servizos agrarios e o persoal de xestión administrativa.
A renovación inclúe 317 postos móbiles completos destinados ao persoal técnico veterinario e agrario. Estes equipamentos están formados por ordenadores portátiles, conexión ao posto de sobremesa, pantallas externas, teclado externo intelixente, rato e auriculares con micrófono. A configuración permite acceder de maneira remota e segura ás aplicacións corporativas e á información dos expedientes, tanto desde as oficinas como durante os desprazamentos e o traballo de campo.
Os postos destinados ao persoal técnico agrario incorporan ademais unha segunda pantalla externa. Esta configuración facilita a consulta simultánea de diferentes aplicacións, expedientes e información xeográfica ou cartográfica, ferramentas empregadas habitualmente nas tarefas de análise, tramitación e seguimento das explotacións.
A actuación completouse coa renovación de 181 postos fixos, destinados principalmente ao persoal encargado de tarefas de xestión administrativa, tramitación e atención á cidadanía. Os novos equipamentos ofrecen unha infraestrutura actualizada para o uso intensivo das ferramentas ofimáticas e das aplicacións corporativas.
A renovación afecta a preto de 500 empregados públicos da Rede de Oficinas Rurais e busca facilitar o traballo tanto dentro das dependencias administrativas como fóra delas, aproveitando as posibilidades da tecnoloxía para manter a capacidade operativa do persoal e reforzar a prestación de servizos no territorio galego.

