
iFixit publicou a súa tradicional análise interna do novo smartphone de Apple, concretamente do iPhone 18 Pro, que permite ver de preto algunhas das principais novidades do teléfono, como o sistema de apertura variable da cámara principal, a cámara infravermella de Face ID situada baixo a pantalla e a nova cámara de vapor para a disipación térmica.
O novo mecanismo de apertura variable emprega seis pequenas láminas controladas mediante electroimáns. O sistema funciona de maneira independente do estabilizador óptico de imaxe. Durante a desmontaxe, unha destas diminutas pezas desprendeuse ao separar o conxunto óptico, o que evidencia a dificultade de reparar este mecanismo a nivel de compoñente. Se a apertura quedase bloqueada, a solución máis probable sería substituír o módulo completo da cámara principal. Tamén poden en dúbida a utilidade dunha apertura variable nun sensor tan cativo como é o da cámara dun smartphone.

A cámara infravermella de Face ID tamén ofrece unha das imaxes máis curiosas da desmontaxe. Apple situouna este ano baixo a pantalla nos modelos Pro, mentres que a cámara frontal e o proxector de puntos infravermellos continúan integrados na illa dinámica, agora de menor tamaño.
A observación ao microscopio revela como se oculta a cámara situada baixo o panel OLED: Apple elimina filas alternas de píxeles sobre o sensor. O efecto vaise reducindo cara aos bordos e, baixo a capa OLED, un filtro que deixa pasar a luz infravermella bloquea a visible. O filtro non chega ata o extremo da apertura e produce o que iFixit denomina un efecto eclipse baixo determinadas condicións de observación microscópica.
A desmontaxe tamén permite comprobar a nova arquitectura térmica do A20 Pro. O procesador emprega un encapsulado no que o silicio e a memoria están situados lado a lado, de maneira que a memoria deixa de formar parte da ruta térmica principal do SoC. Isto permite que o chip contacte directamente coa cámara de vapor. Segundo os datos presentados por Apple, esta cámara ten unha superficie tres veces superior á empregada no iPhone 17 Pro.
iFixit mostra o material térmico encargado de manter o A20 Pro en contacto coa cámara de vapor, que se estende por unha parte considerable do interior do teléfono.

A principal incógnita da desmontaxe aparece, con todo, ao retirar a pantalla. iFixit asegura que o marco plástico que a rodea resultou danado en tres dos catro iPhone 18 Pro desmontados polo seu equipo. A organización sinala que outras desmontaxes do mesmo modelo non detectaron este problema e que Apple emprega este tipo de marco plástico desde o iPhone 15 Pro, polo que aínda non é posible determinar se se trata dunha anomalía puntual ou dun problema máis xeneralizado.
Unha das explicacións que manexa iFixit é que o novo sistema de disipación térmica podería dificultar a retirada da pantalla ao afastar a calor da zona na que se aplica para quentar o adhesivo. Un marco danado pode impedir que a pantalla volva quedar perfectamente axustada durante a montaxe e, potencialmente, afectar á resistencia á auga do dispositivo.
A reparación doutras pezas tampouco resulta especialmente sinxela. O porto USB-C, por exemplo, permanece nunha posición que obriga a retirar boa parte dos compoñentes internos para poder substituílo. A batería conta, pola contra, cunha bandexa sen adhesivo, mentres que os módulos das cámaras manteñen un deseño modular que facilita a súa substitución.
O acceso pola pantalla segue sendo necesario para boa parte das reparacións importantes, unha característica que o iPhone 18 Pro comparte co seu predecesor. iFixit outorgou provisionalmente tanto ao iPhone 18 Pro como ao iPhone 18 Pro Max unha puntuación de reparabilidade de 7 sobre 10, á espera de dispoñer de pezas de recambio, realizar máis probas e comprobar se o problema detectado no marco da pantalla aparece de maneira xeneralizada.
