
O xurado dos XXXIX Premios Prisma Casa das Ciencias á Divulgación, un galardón impulsado polo Concello da Coruña a través de Museos Científicos, decidiu os gañadores e gañadoras da presente edición: unha destacada escolma interdisciplinaria de profesionais de diferentes ámbitos relacionados coa divulgación científica, como o xornalismo, a literatura, o audiovisual ou a innovación.
“Os premios Prisma son xa toda unha institución nesta cidade. O Goberno de Inés Rey seguiu e reforzou esta iniciativa ao longo destes anos porque entende que é tarefa do Concello incentivar e premiar a excelencia e promover a nacemento de ideas novas e apaixonantes no terreo das ciencias. De novas formas de facer as cousas. Todo iso premiamos co Prisma”, subliñou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.
Galardoados co Prisma de Bronce
Mellor traballo en vídeo: La luz con el tiempo dentro, de Elena Alonso Redondo, Luis Gómez Juanes e Paloma Banderas Bielicka, por facer accesible e emocionante un fenómeno físico de enorme complexidade sen descoidar o lado humano da investigación científica.
Mellor traballo en novos medios: canle de YouTube Cuarentaydos, de José Luis Oltra Calatayud, pola calidade, creatividade e dinamismo dunha produción divulgativa consolidada.
Mellor proxecto de divulgación científica sobre a auga no medio urbano: Del cloro a la diversidad, de Bárbara Martínez Escrich e Mónica López Martínez do Instituto Municipal de Gestión Medioambiental-Real Jardín Botánico de Córdoba, pola súa orixinalidade e marcada visión didáctica.
Mellor artigo xornalístico: ChatGPT no pasa la prueba: así pone en peligro la vida de los menores, de Isabel Rubio Arroyo para El País, por poñer en evidencia a través da experimentación directa e o coñecemento de fontes expertas o risco da falta de controis efectivos na tecnoloxía ao alcance dos menores.
Mellor traballo en radio: Calvet en bicicleta de Manuel Vicente García, César Martínez Pérez, Rosa Pedrido Castiñeiras, Estíbaliz Espinosa Río e Juan José Fernández Gómez por aproveitar todas as posibilidades dunha experiencia estética sonora integral.
Mellor proxecto singular: #LaCienciaDel100 de Navarrabiomed-Fundación Miguel Servet, por propoñer unha innovadora experiencia de divulgación científica e trasladala con eficacia ao medio dixital.
Mellor libro editado: Viaje al planeta de los insectos, de Chema Catarineu para Tundra Ediciones, por utilizar os insectos como vía para abordar conceptos máis amplos e polo emprego do humor e recursos visuais para despertar a curiosidade de lectores e lectoras inesperados.
Ademais, o xurado decidiu outorgar o Prisma Especial do Xurado a Desgranando Ciencia, pola “traxectoria dun evento que conxuga múltiples fórmulas de divulgación científica co fomento da participación cidadá”.
Tamén se decidiu outorgar mencións honoríficas nas modalidades seguintes:
Mención de honra na categoría de vídeo para O camiño de cova Eirós, de José González Varela.
Mención honra na categoría de radio para Vis a vis con la ciencia, do Museo Nacional de Ciencias Naturales.
O premio Prismas é unha iniciativa dos Museos Científicos Coruñeses-Concello da Coruña que pretende potenciar a difusión da cultura científica en España, e apoiar a todas e todos os profesionais que traballan neste campo. O xurado estivo composto pola presidenta, Rocío Benavente (xornalista científica adxunta á dirección da Fundación Maldita ), o xefe de servizo de Museos Científicos Coruñeses, Marcos Pérez Maldonado, que actuou como secretario, e os vogais Gemma del Caño (farmacéutica especialista en industria alimentaria e divulgadora científica), Yolanda Golías (profesora da Área de Didáctica das Ciencias Experimentais da Universidade da Coruña ) e Diego Ortega (profesor de Didáctica da Expresión plástica da Universidade de Jaén e ilustrador científico).
