
Catorce persoas maiores de 55 anos participan en Fene dende mediados de setembro nun curso básico de formación en competencias dixitais co obxectivo de impulsar a súa autonomía no manexo de ordenadores, móbiles e redes sociais.
A alcaldesa do Concello de Fene, Alejandra Permuy, foi a encargada de dar a benvida ás persoas participantes o pasado 14 de setembro, inaugurando esta formación que é froito da colaboración entre o Concello de Fene e a fundación Cibervoluntarios.
Trátase dun curso básico no que as persoas participantes aprenderán a navegar de forma segura por Internet, realizar xestións coa Administración Electrónica e a banca dixital. Ademais, iniciaranse no emprego de redes sociais e ferramentas dixitais de maneira creativa e segura; comunicaranse por videochamada e descubrirán plataformas e aplicacións para a aprendizaxe, o lecer e a saúde.
Dende o Concello engadiron que para a mellora do aprendizaxe dixital “estase a programar un novo curso que complemente esta formación máis básica” e así “continuar formando aos nosos maiores para que cada día adquiran máis independencia na vida diaria”.
Logo da primeira sesión do 14 de setembro, a próxima cita de Iniciación ao mundo dixital será este mércores 23 de setembro, de 17:00 a 19:00 horas na Casa da Cultura de Fene.

