
Google abriu oficialmente a categoría de xogos para Android Auto e para os vehículos equipados con Android Automotive OS con Google integrado, que abandona así a fase beta e pasa a estar dispoñible de maneira xeral. Os desenvolvedores xa poden publicar os seus xogos nos canles de probas abertas e de produción de Google Play.

A novidade está deseñada exclusivamente para os momentos nos que o vehículo permanece estacionado, como unha espera durante a recarga dun coche eléctrico ou mentres se agarda por un pedido. Android Auto admite xogos nos dispositivos con Android 15 ou posterior, mentres que Android Automotive OS permite instalalos directamente nos vehículos compatibles.
Levar un xogo existente a estes sistemas non require necesariamente unha versión completamente nova. Google explica que, partindo dunha aplicación Android adaptativa, os principais cambios pasan por declarar que se trata dun xogo compatible coas plataformas para vehículos e adaptar o seu funcionamento ao estado do coche.
Unha das condicións fundamentais é respectar o estado de estacionamento. Os xogos están considerados aplicacións destinadas ao vehículo parado e Android Auto e Android Automotive OS bloquean a súa execución cando o coche está en movemento ou existen restricións de experiencia de usuario activas. O audio tamén debe deter a reprodución cando comeza a condución e non pode volver activarse mentres o vehículo está en marcha.
O sistema esixe ademais que, cando o xogo se volva abrir desde a pantalla de inicio, recupere na medida do posible o estado no que se atopaba anteriormente. Google recomenda comprobar especialmente a capacidade de resposta durante as partidas para evitar bloqueos, paróns ou problemas de fluidez.
Os xogos compatibles con mandos poden declaralo para que Google Play os identifique como compatibles con estes dispositivos e os mostre aos usuarios que buscan este tipo de experiencias. O mando, con todo, debe ser opcional salvo nos xogos nos que resulte imprescindible para xogar.
A variedade das pantallas dos vehículos obriga tamén a prestar atención ao deseño adaptativo. Google pide que os xogos se axusten a diferentes tamaños e proporcións, incluídas pantallas verticais e formatos panorámicos, evitando as bandas negras e aproveitando toda a superficie dispoñible. As ferramentas de desenvolvemento de Android permiten probar estes formatos tanto para Android Auto como para Android Automotive OS.
Unha vez realizadas estas adaptacións, os xogos poden incorporarse ás plataformas para vehículos desde Google Play Console. Antes da publicación en produción deben superar as directrices de calidade específicas para aplicacións de coche. Google proporciona ferramentas de proba para comprobar tanto a compatibilidade con Android Auto como o funcionamento en vehículos baseados directamente en Android Automotive OS.

