
Pola natureza do seu traballo, as e os profesionais das novas tecnoloxías da información precisan unha actualización constante de coñecemento e metodoloxías. Precisan, tamén, de ferramentas que lles axuden a ser máis eficientes e a acadar os mellores resultados. A consultora galega Vitae rematou a tempada estival cunha chea de recursos para axudar aos profesionais a conseguir os seus obxectivos, algúns deles centrados directamente nas interesantes posibilidades da intelixencia artificial. Por exemplo o curso Claude IA: Produtividade aplicada ao traballo diario, unha actividade formativa de 9 horas programada para os días 20, 22 e 27 de outubro de 2026.
O curso porá o foco en Claude AI, familia de modelos de intelixencia artificial conversacional de última xeración desenvolvida por Anthropic.
Contexto do curso

Dende Vitae lembran que agora que case todo o mundo probou xa a intelixencia artificial, é o intre de empregala para mellorar a eficacia do traballo diario: “A diferenza na IA non está na ferramenta: está en saber que se lle pode pedir, como conectala ao noso traballo real e onde poñer o límite. A maioría dos profesionais queda en escribir preguntas nun chat, e aí pérdese o 90% do valor”.
Posibilidades de Claude
Vitae lembra que Claude “deixou de ser un chat para converterse nun ecosistema completo de traballo, con proxectos con memoria, conectores ás nosas ferramentas (MCP), un asistente que executa tarefas de principio a fin, integración en Excel, PowerPoint, Word, Outlook e o navegador, e capacidade para crear documentos, análises e aplicacións sen escribir unha liña de código”.
Este curso percorre ese ecosistema completo, de forma práctica e con casos de uso reais, para que “saiamos con automatizacións e fluxos de traballo que poidamos aplicar ao día seguinte no noso posto”.
Facilitarase a cada asistente unha licenza de pago de Claude durante a duración do curso. Ademais necesitarase ter instalado Claude Cowork en cada computador para o seguimento das clases (as persoas que non o teñan habilitado poderán facelo durante o curso).
Amais, gravaranse as sesións para poder consultalas de forma ilimitada unha vez finalizado o curso.
Obxectivos do curso

Ao finalizar a formación, os asistentes serán capaces de:
- Entender que é e que non é capaz de facer un modelo de IA, e traballar con criterio realista.
- Sacar partido ao ecosistema completo de Claude, non só ao chat.
- Organizar o traballo en proxectos con contexto e memoria persistente.
- Conectar Claude ás ferramentas reais mediante conectores e MCP.
- Delegar tarefas completas de varios pasos e revisar o resultado con criterio.
- Usar Claude dentro de Excel, PowerPoint, Word, Outlook e o navegador.
- Crear documentos, informes, presentacións, análises e pequenas aplicacións sen programar.
- Detectar no posto de traballo entre 5 e 10 tarefas concretas que se poden delegar á IA desde o primeiro día.
- Aplicar criterios de seguridade e protección de datos: que se envía a un modelo e que non.
Persoas destinatarias
O curso vai dirixido a profesionais de calquera área que “queren deixar de probar a IA e empezar a usala no seu traballo cotián”; equipos de operacións, administración, mercadotecnia, vendas, recursos humanos, atención ao cliente ou dirección; responsables e mandos intermedios que precisan criterio para decidir onde aplicar IA no seu equipo; perfís técnicos ou mixtos que desexen espremer o ecosistema completo e non só o chat; e máis emprendedores e autónomos que traballan sós e necesitan multiplicar a súa capacidade operativa.
O formador: Valentín Ayesa
A persoa encargada de impartir os contidos será Valentín Ayesa, profesional tecnolóxico cunha sólida traxectoria en automatización de procesos, xestión de proxectos e integración de intelixencia artificial, e atesourando máis de 15 anos de experiencia combinando perfil técnico e visión de negocio.
Actualmente é CTO en consultoría especializada en IA, desde onde impulsa a transformación dixital de profesionais e empresas de distintos sectores. Tamén é embaixador de n8n en España e axudou a máis de 2.000 alumnos a eliminar tarefas manuais mediante sistemas automatizados sen necesidade de programación avanzada.
A súa experiencia abrangue desde o desenvolvemento de software e ERP a medida, ata a dirección tecnolóxica, liderado de equipos e xestión de proxectos internacionais en contornas corporativas.
Ao longo da súa carreira liderou procesos de dixitalización integral, aplicando solucións baseadas en automatización, ferramentas na nube, aplicacións web e móbiles, e sistemas que melloran a eficiencia operativa e a produtividade. Segundo fai saber Vitae, “destaca polo seu enfoque práctico, orientado a resultados, e pola súa capacidade para traducir a tecnoloxía en impacto real para o negocio, tanto en contornas formativas como en consultoría especializada”.

