
A Facultade de Comunicación do Campus de Pontevedra será a sede das actividades previas dos Premios Feroz 2027, que arrancarán o día 10 de outubro cun maratón de series e coloquios abertos ao público.
A programación do mes inclúe a proxección de tempadas completas de cinco producións que son, en palabras do Concello, “de recoñecido éxito”.
Respecto da localización elixida, o Concello engadiu que “debido ás obras de remodelación do Teatro Principal, o salón de actos da facultade adaptouse cun equipamento de proxección de calidade para acoller todas as sesións”.
Esta solución permite afondar na colaboración entre a cidade e a Universidade de Vigo, engadiu.
As sesións celebraranse os días 10, 16, 17, 25 e 31 de outubro ás 18:00 horas, agás a xornada inaugural que comezará ás 17:00 horas:
10 de outubro: proxección da primeira tempada de Vida perfecta e posterior coloquio coa actriz Celia Freijeiro.
16 de outubro: proxección de Autodefensa e encontro coa súa creadora e protagonista Berta Prieto.
17 de outubro: proxección da primeira tempada de Paquita Salas, creada por Javier Ambrossi e Javier Calvo.
25 de outubro: proxección de Fácil acompañada dunha conversa coa actriz Coria Castillo.
31 de outubro: proxección da primeira tempada de Cardo e coloquio coa creadora e actriz Ana Rujas e a co-creadora Claudia Costafreda.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, puxo en valor a intensa interrelación coas facultades do campus e destacou “a capacidade de facer da necesidade virtude ao trasladar as proxeccións á universidade mentres o teatro permanece pechado”.
Así mesmo, remarcou a aposta continuada pola cultura nunha cidade que se converte na única en acoller os Feroz por terceiro ano consecutivo.
Pola súa banda, a vicerreitora do Campus de Pontevedra, Marián Fernández, salientou o valor de abrir as instalacións universitarias á cidadanía grazas ás sinerxías co Concello, destacando ademais o retorno formativo que supón para o alumnado de Comunicación participar na organización e desenvolvemento destes eventos.
Reserva de entradas
As entradas son de balde e pódense retirar na Oficina de Turismo da praza de España desde sete días antes de cada pase, cun máximo de catro localidades por persoa. Tamén se habilitará a reserva en liña, cun número limitado de entradas.
A gala da décimo cuarta edición dos Premios Feroz celebrarase o vindeiro 23 de xaneiro de 2027 no Pazo da Cultura.

