
O Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole (Ourense) acolleu unha xornada científica e de lecer na que participaba a Asociación Síndrome de Down-Down Ourense. Un grupo da entidade acodiu a esta aula de aprendizaxe de ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas (a primeira destas características en España) que ten como fin promover as carreiras científicas e tecnolóxicas entre a mocidade cun enfoque totalmente práctico e moi innovador. Está impulsada conxuntamente pola multinacional Boeing, a organización sen ánimo de lucro FIRST Scandinavia, a Xunta de Galicia e a propia Tecnópole.
Indo á xornada, subliñar que está encamiñada a fomentar a convivencia e a integración, participaron nela varios traballadores e traballadoras do Parque xunto ás súas familias. Xuntos, puxéronse aos mandos dos simuladores de voo profesionais dos que dispón a Aula Newton. Viviron a experiencia de pilotar un avión, tiveron que responder a unha hipotética misión de rescate, calcular as rutas de voo…, do mesmo xeito que fai o alumnado procedente de diferentes centros educativos de toda a comunidade durante o curso.
Alén disto, como proposta complementaria vencellada coa aeronáutica, os asistentes realizaron outras actividades. Cómpre salientar a construción de varios paracaídas. Trátase de lanzar unhas canicas dende un paracaídas a catro metros de altura e conseguir que chegaran ao chan o maior número de bólas posible.

Segundo Elena Vaamonde, coordinadora de programas e psicóloga de Down Ourense: “foi unha magnífica oportunidade para descubrir de preto como funciona un simulador de voo e o mundo da aviación. É unha experiencia moi diferente das que se adoitan ofrecer na nosa contorna. Resultou enormemente enriquecedora porque, ademais, grupos de persoas diversas compartiron unha actividade conxunta, o cal resulta moi positivo para as dúas partes”.
Con esta actividade Tecnópole amosa o seu compromiso e apoio a organizacións sen ánimo de lucro, entendendo que a través deste tipo de iniciativas contribúese a axudar a colectivos que teñen maiores dificultades á hora de acceder a certas propostas. Nesta liña, a Aula Newton achega grandes posibilidades para estimular á rapazada a través de actividades educativas innovadoras. O seu programa Tecnópole Divulga busca incentivar as vocacións científicas e o espírito emprendedor entre as xeracións futuras.

