
O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), achegou detalles sobre o seu programa de formación e divulgación centrado na relación entre a tecnoloxía, a nenez e a mocidade, organizado en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
O obxectivo principal desta colaboración é ofrecer ás familias e persoas formadoras recursos prácticos e pautas eficaces de acompañamento dixital. Farano baixo o título Tecnoloxía, infancia e mocidade: ferramentas para familias.
Con motivo da nova convocatoria, o CPETIG explicou que o “uso das tecnoloxías de forma segura e consciente é un dos grandes retos actuais na educación dos menores. Por este motivo, estas sesións abordarán unha completa variedade de temas clave para garantir a protección e o benestar dixital na Rede”.
Contidos principais do programa
O CPETIG sinala que entre os principais contidos do programa están os riscos e retos do uso da tecnoloxía, polo que nos obradoiros falarase do ciberacoso, o grooming, a sextorsión e outras problemáticas asociadas aos malos usos da contorna dixital. Tamén da educación dixital, con desenvolvemento de pautas de establecemento de límites, horarios, desconexión, fomento da comunicación e acompañamento familiar axeitado.
Os videoxogos e o consumo dixital, tamén estarán presentes neste ciclo formativo, co tratamento da análise do tempo de xogo, os micropagos e as chamadas loot boxes ou caixas de botín. Para isto se abordarán ferramentas de control parental co descubrimento de aplicacións e solucións técnicas adaptadas ás diferentes idades.
Nas xornadas haberá tamén un bloque práctico centrado na formación orientada á configuración de dispositivos, redes Wi-Fi, consolas e principais plataformas dixitais, e un repaso do marco legal básico, centrado en aspectos legais relacionados co uso de redes sociais, a privacidade, o RGPD e o dereito á propia imaxe.
Ademais, as boas prácticas e recomendacións, estarán presentes tamén nesta formación, “na que se ofrecerán pautas xerais para favorecer un uso seguro, responsable e equilibrado da tecnoloxía, cunha orientación por franxas de idade (0-6, 7-12, 13-15 e 16-18 anos) e mostra de ferramentas, configuracións e pautas específicas adaptadas a cada etapa evolutiva”, explica o CPETIG.
Sesións específicas para persoas formadoras
Ademais das accións dirixidas directamente aos fogares, o programa impulsado polo CPETIG e a AMTEGA contempla unha sesión especial orientada a persoas formadoras, dispoñible tamén en formato en liña, o luns 28 de setembro ás 17:30 horas.
Dende o Colexio engaden que na sesión específica traballaranse os mesmos contidos pero “cun enfoque encamiñado a facilitar a súa posterior dinamización”. O propósito é “proporcionar recursos e materiais (incluíndo as presentacións empregadas) para que os profesionais poidan utilizalos libremente e acompañar as familias nas súas propias actividades”.

