
A cidade de Pontevedra vai acoller os días 1 e 2 de outubro a edición 2026 dos Ecommerce Days, que contarán coa presenza de referentes galegos e nacionais mostrando diferentes metodoloxías para tirar o máximo proveito do comercio e a mercadotecnia dixital. Organizan o Clúster do Ecommerce Galego e máis a plataforma Marketing4eCommerce. O seu obxectivo é “impulsar o networking entre profesionais, ampliar fronteiras e consolidar este evento como unha cita clave para o sector”.
O evento está especialmente concibido para directivos/as, responsables de mercadotecnia dixital e ecommerce, marcas, axencias e provedores que buscan inspiración, contactos e ideas que poidan ser aplicadas desde o primeiro día.
Durante o evento celebrarase a 2ª edición dos Premios do Ecommerce Galego, recoñecendo as mellores tendas online de Galicia.
A cita desenvolverase no Pazo da Cultura de Pontevedra e contará co apoio institucional da Xunta de Galicia e do Concello de Pontevedra, que reforzan deste xeito o seu apoio a este encontro profesional do ecosistema dixital.
A organización explicou na presentación que “durante as dúas xornadas desenvolverase un completo programa de conferencias, casos de éxito, mesas redondas, obradoiros prácticos e espazos de networking“. Por temas a tratar, tocaranse cuestións como a intelixencia artificial, a automatización, o comercio axéntico, a experiencia de cliente, os novos sistemas de pago, o comercio electrónico social e a integración das canles online e offline.
O programa contará coa participación de máis dunha vintena de profesionais e directivos de compañías e proxectos de referencia. Entre os relatores figuran Pepe Cabanas (Estrella Galicia), Daniel Martínez (WeRoad), Iria Casqueiro (Leroy Merlin), Daniel Conde (Lidl), Héctor Pla (Decántalo), Javier Estévez (Barkibu), Silvia Caballero (TikTok Shop) ou Javier Lázaro (Getnet), entre outras/os.
A primeira xornada, que se celebrará o xoves 1 de outubro, arrincará coa inauguración institucional a cargo de Rubén Bastón (Marketing4eCommerce), Yara Quevedo (Marketing4eCommerce); e Xosé Luís Reza (Clúster do Ecommerce Galego).
Entre os contidos desta primeira xornada destacan o caso de WeRoad, que analizará como a compañía converteu aos seus clientes nunha comunidade global; a experiencia de Pescanova para unir as súas estratexias en liña e offline; a evolución de Barkibu; ou a entrevista con Pepe Cabanas sobre a estratexia multicanle de Estrella Galicia.
A segunda xornada, o venres 2 de outubro, porá o foco na aplicación práctica da intelixencia artificial e as novas ferramentas para mellorar os negocios online. A axenda inclúe unha mesa redonda sobre como “facer marcas con vocación de permanencia” e un caso de éxito sobre a evolución dun comercio de proximidade cara a un escaparate global.

