
Altia e a Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) convocaron a sétima edición de Altia Premia, un galardón que busca recoñecer os Traballos de Fin de Grao (TFG) do Grao en Enxeñaría Informática que destaquen pola súa calidade, innovación e impacto. O premio está dotado con 1.500 euros.
Poden participar os estudantes da ETSE que presentasen e defendesen con éxito o seu TFG durante 2026, correspondente ao curso académico 2025/2026. O prazo para presentar as candidaturas remata o 31 de outubro.
As solicitudes deben realizarse a través da web do premio e incluír os datos do candidato e do TFG, así como un resumo do traballo, cunha extensión máxima de dous folios, no que se explique tamén a motivación persoal e profesional para optar ao galardón. A candidatura debe incorporar a memoria completa do TFG.
O proceso contempla unha primeira selección de ata cinco finalistas. O seu nome será publicado entre o 14 e o 18 de decembro de 2026 e os traballos serán presentados ante o xurado entre o 15 e o 19 de febreiro de 2027.
O fallo darase a coñecer entre o 1 e o 5 de marzo de 2027 e a entrega dos 1.500 euros terá lugar durante os actos do Día da ETSE.
O xurado estará integrado por representantes da ETSE e de Altia. Pola parte da universidade participarán a dirección da escola ou a persoa na que delegue e a coordinación do título ou a súa persoa delegada. Altia achegará a súa directora de Sustentabilidade e ESG ou unha persoa delegada, ademais dun panel de expertos formado por xerentes de proxecto de distintas áreas.

