
O centro tecnolóxico Gradiant, con sede en Vigo, levou ao Congreso New Space España 2026 que se celebra estes días en Vigo, da man da firma galega Alén Space, as súas capacidades en fotónica integrada, tecnoloxías cuánticas e comunicacións avanzadas aplicadas ao sector aeroespacial. No encontro, Gradiant estableceu contactos con empresas, centros e institucións para abordar os próximos retos de innovación, conectividade e autonomía espacial.
Retos como procesar máis información a bordo con menor consumo, desenvolver comunicacións cada vez máis seguras e resilientes e garantir conectividade en escenarios onde as redes terrestres non son suficientes, que son tres dos desafíos nos que máis está a traballar recentemente o centro tecnolóxico galego.
Fotónica integrada para plataformas espaciais máis eficientes
Entre as liñas de traballo de Gradiant no capítulo da fotónica integrada atópanse o desenvolvemento de circuítos e dispositivos fotónicos, o procesado de sinal e arquitecturas que combinan fotónica, microelectrónica, intelixencia artificial e software embebido.
O obxectivo é “incrementar a capacidade de procesamento a bordo, reducir o consumo e facilitar que satélites e outras plataformas poidan analizar cada vez máis información en tempo real antes de transmitila a terra”.
Tecnoloxías cuánticas para novas capacidades no espazo
A contorna espacial é tamén un dos escenarios con maior potencial para o desenvolvemento das tecnoloxías cuánticas. “En Gradiant investigamos tecnoloxías orientadas a comunicacións cuánticas seguras, distribución cuántica de claves e sensado de alta precisión, con aplicacións en ámbitos onde a seguridade, a navegación e a observación son especialmente relevantes”, sinalan dende o centro vigués, engadindo que “a combinación entre redes terrestres e futuras infraestruturas espaciais abre novas posibilidades para desenvolver comunicacións protexidas fronte a ameazas emerxentes, distribuír información de forma segura a grandes distancias ou incorporar sensores capaces de operar con niveis de precisión difíciles de alcanzar mediante tecnoloxías convencionais”.
Estas capacidades, apunta Gradiant, “forman parte do noso traballo para trasladar tecnoloxías cuánticas desde a investigación cara a escenarios de aplicación reais, tamén dentro do ecosistema New Space“.
Comunicacións avanzadas para unha conectividade global e resiliente
Outro dos eixes que centra o traballo do centro vigués son as novas redes de comunicacións e os seus avances cara a unha integración cada vez maior entre infraestruturas terrestres e non terrestres. En Gradiant explican que “o noso traballo en comunicacións avanzadas 5G e 6G, redes NTN, tecnoloxías de radio, procesado de sinal e sistemas de comunicacións busca contribuír a esa evolución”.
Engaden que a integración de satélites, plataformas aéreas e redes terrestres permitirá estender a cobertura, aumentar a resiliencia das comunicacións e ofrecer conectividade en zonas remotas, escenarios de emerxencia ou contornas onde as infraestruturas convencionais non están dispoñibles.
Gradiant tamén traballa en capacidades relacionadas con SIGINT, ISAC e subsistemas avanzados de comunicacións, tecnoloxías relevantes para o desenvolvemento de plataformas cada vez máis autónomas, conectadas e capaces de operar en escenarios complexos.
Investigación e desenvolvemento como motor do sector espacial
Ademais de mostrar estas capacidades durante New Space España 2026, Gradiant participou no programa de contidos do encontro. Este venres pola mañá Luis Pérez Roca, director da área de Comunicacións Avanzadas de Gradiant, participou na mesa redonda A investigación e do desenvolvemento como núcleo do avance do sector espacial, que xuntou representantes do ámbito tecnolóxico, académico e institucional para analizar o papel da I+D no desenvolvemento de novas capacidades espaciais e na transferencia do coñecemento cara á industria.

