
A cuarta edición de New Space España chegou hoxe ao seu remate tras dúas xornadas nas que congregou en Vigo a máis de 280 profesionais e 130 empresas vinculadas á industria espacial. O encontro organizado pola firma galega Alén Space reuniu a representantes de empresas, administracións públicas, axencias, centros tecnolóxicos e universidades para analizar os retos que marcarán a evolución do sector en España e Europa.
A segunda xornada profundou na conexión entre investigación e industria, o papel da Axencia Espacial Española (AEE), o desenvolvemento de capacidades industriais nunha contorna dual e os retos de seguridade, defensa e autonomía estratéxica.
O día arrincou coa mesa redonda A investigación e o desenvolvemento: como núcleo do avance do sector espacial, moderada por Andrés Catalán, secretario xeral da Plataforma Tecnolóxica Aeroespacial Española. No debate participaron Luis Pérez, de Gradiant; Fernando Aguado, da Universidade de Vigo (centro atlanTTic); Miguel Salas, da Universidade Politécnica de Madrid; Alicia Cano, de CATEC; e César Arza, do INTA.
Os expertos coincidiron na necesidade de conseguir que a investigación termine converténdose en solucións para o mercado. Luís Pérez Roca incidiu en que “se nas empresas non hai un interese desde o primeiro momento, non imos chegar a porto con elas”, mentres que Fernando Aguado defendeu que universidades e compañías comparten un mesmo obxectivo: “Facer medrar o sector español”.
A confianza e a transferencia tecnolóxica foron outros dos eixos do debate. Alicia Cano reivindicou o papel dos centros tecnolóxicos: “Non somos un competidor, somos un facilitador”. Pola súa banda, César Arza puxo o foco no impacto que debe xerar a investigación na industria: “Cada euro que investimos non é para sentirnos ben, cada euro ten que crear tecido empresarial”.
Autonomía e novas capacidades industriais

A continuación, Cecilia Hernández, directora de Programas e Industria da Axencia Espacial Española (AEE), protagonizou a conferencia Novos horizontes para a Axencia Espacial Española. Hernández lembrou que a AEE ten entre os vindeiros pasos a elaboración dunha estratexia e unha política espacial, ademais de continuar orientando os programas tecnolóxicos cara a ámbitos considerados estratéxicos para o futuro.
Incidiu na dimensión estratéxica e de seguridade que adquiriu o sector: “O espazo é o quinto dominio”, unha contorna imprescindíel para a sociedade que tamén xera novas vulnerabilidades e necesidades de protección. Hernández defendeu así mesmo o desenvolvemento de capacidades propias en Europa: “Autonomía non é independencia, pero para cando sexamos partners, non sexamos membros en inferioridade”.
A xornada continuou coa conferencia O espazo, un motor de desenvolvemento de capacidades industriais nunha contorna dual, impartida polo xeneral Vicente Torres, subdirector xeral de Estratexia Industrial da Defensa do Ministerio de Defensa. Torres destacou o carácter estratéxico do dominio espacial e as capacidades españolas en ámbitos como a óptica, o segmento terreo ou a cadea de subministración. Puxo especial énfase no “control do espazo desde o espazo” e no impacto que pode ter a innovación espacial noutros sectores: “Non todo o que se desenvolve na Terra serve para o espazo, pero poida que o que se desenvolva no espazo supoña un avance na Terra”.
Pola súa banda, Carlos Fernández, CEO de Telespazio Ibérica, repasou a transformación experimentada tanto pola compañía como polo propio sector.
Galicia aposta por ampliar o seu ecosistema industrial
Posteriormente, Farrah Lisa Meghazi, subdirectora xeral de Promoción Industrial e Solo Empresarial da Xunta de Galicia, profundou na Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo 2025-2030, orientada a ampliar o ecosistema empresarial galego mediante a colaboración entre administración, empresas e centros de coñecemento.
Meghazi destacou que se vai a “priorizar a fabricación en Galicia” e “atraer investimentos que sexan duais”, ademais de utilizar o diálogo estratéxico para identificar as necesidades empresariais a curto e medio prazo. A subdirectora xeral incidiu no papel da colaboración público-privada.
Soberanía e autonomía, os retos de España e Europa

A última mesa redonda do congreso, Soberanía e autonomía: os retos de España e Europa, moderada por Amaya Atencia, directora de Estratexia e Desenvolvemento de Negocio de Observación da Terra de GMV, reuniu a José Luis Serrano, responsable de Servizos de Comunicacións Seguras de EUSPA; Sergio Tabasco, responsable de Política Industrial da Axencia Espacial Europea; e o xeneral Vicente Torres, subdirector xeral de Estratexia Industrial da Defensa do Ministerio de Defensa.
O debate partiu dunha realidade cada vez máis presente: o espazo deixou de ser unicamente un ámbito de exploración e ciencia para converterse nunha infraestrutura crítica vinculada á seguridade e a economía. Os participantes abordaron o aumento das actividades privadas, a integración do espazo na seguridade internacional e a necesidade de reforzar a autonomía europea para as próximas décadas.
Os expertos destacaron ademais “a necesidade de garantir que os sistemas espaciais europeos permanezan baixo control europeo” e que “as tecnoloxías necesarias para desenvolvelos estean dispoñibles dentro do continente”. Así mesmo, advertiron sobre “a dependencia actual de terceiros países en determinadas tecnoloxías e materias primas críticas”, e sobre “a importancia de manter os servizos operativos mesmo ante posibles ataques”.
A xornada incluíu tamén a entrega de mencións da convocatoria de pósteres, destinada a dar visibilidade a traballos, propostas técnicas e iniciativas relacionadas co sector espacial. Antón Vázquez, responsable de Desenvolvemento de Negocio de Alén Space, foi o encargado de entregar os recoñecementos.

A clausura institucional correu a cargo de Margarita Ardao, directora xeneral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial da Xunta de Galicia, que destacou as capacidades do tecido empresarial galego para posicionarse nunha “unha industria estratéxica e cun enorme potencial de crecemento na que Galicia ten moito que dicir”.
A directora xeral aproveitou para apuntar que precisamente no marco da Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo (IESDA), a Xunta de Galicia lanzou unha convocatoria para seleccionar novos socios estratéxicos e tecnolóxicos para o desenvolvemento de tecnoloxías duais.
Esta cuarta edición de New Space España, organizada por Alén Space, contou o apoio institucional de Xunta de Galicia, Gobierno de Canarias, Cabildo de Tenerife, Consorcio da Zona Franca de Vigo e Universidade de Vigo, e co patrocinio de GMV, Indra Group, Acorde Technologies, Airbus, Arkadia Space, CEiiA, DHV Technology, Gradiant, IENAI Space, Kreios Space, OCCAM Space, Open Cosmos, Rohde & Schwarz, Satlantis, Telespazio Ibérica, Aistech, Ansys, Radian e UARX Space.

