
O Campus da Fundación Luckia comezou o curso presentando na Coruña dous programas de especialización. Fíxoo no marco da súa estratexia de achegar formación tecnolóxica como “ferramenta de transformación real para profesionais, equipos e organizacións”. A primeira cita será mañá, cando se inicie o curso intensivo Front End Moderno e Ferramentas IA, que se desenvolverá desde este mércores ata o 9 de novembro, compatibilizando sesións no Campus Fundación Luckia con sesións virtuais.
En total, este programa intensivo de 60 horas xunto a Lemoncode, ten como obxectivo poñer ao día as competencias front-end dos profesionais do desenvolvemento web: dominar as tecnoloxías e ferramentas máis actuais para desenvolver interfaces e incorporar a IA aos seus métodos de traballo.
O obxectivo desta formación, enfocada tanto ao cadro de profesionais do Grupo Luckia como a externos, e que xa cubriu todas as prazas, é satisfacer as necesidades específicas do sector tecnolóxico, cunha alta especialización. Tal e como indica Aurelio Redondo, responsable de Formación e Desenvolvemento, “deseñamos esta formación para cubrir o gap co que conta o sector TIC, actualizando competencias técnicas cun enfoque práctico, incorporando a intelixencia artificial como ferramenta de traballo cotiá e facelo da man de profesionais que traballan acotío en proxectos reais”.

En paralelo, a Fundación Luckia iniciará o 15 de outubro o programa intensivo de 80 horas IA Aplicada ao Negocio, desenvolvido en colaboración con ISDI Escola de Negocios, enfocado a directivos e profesionais que necesitan entender, aplicar e liderar a irrupción da intelixencia artificial nas súas organizacións.
Con 40 prazas, durante 9 semanas impartirase formación executiva de alto nivel enfocada ao ecosistema empresarial galego, que permitirá, segundo indica Fundación Luckia, “identificar o que a IA pode achegar ao negocio, identificar áreas e procesos cun impacto medible e establecer fluxos de aplicación reais para persoas directivas que queiran aplicalo no seu negocio”.

