
A Universidade de Vigo abriu a matrícula para unha nova edición dos obradoiros de Extensión Universitaria, con propostas que van dende a identificación de cogomelos ás tecnoloxías na nube (cloud). Segundo informou a UVigo, o catálogo de cursos caracterízase pola “diversidade temática”, abríndose así a perfís moi diferentes: dende persoas interesadas na natureza e a cultura ata estudantes que buscan familiarizarse con ferramentas e tecnoloxías de crecente presenza no mercado laboral.
O prazo de matrícula para estas actividades estará aberto ata este 2 de outubro e os prezos varían segundo o colectivo ao que se pertenza, dende a comunidade universitaria ata a cidadanía en xeral.
En total, para este primeiro cuadrimestre ofértanse dez obradoiros que inclúen costura creativa e sostible; computación na nube; contedores, virtualización e orquestración; introdución ao deseño de placas de circuíto impreso; introdución a LaTeX para o ámbito profesional e científico; identificación de cogomelos en dous niveis; iniciación ao teatro; música tradicional e horta orgánica.
Como dixemos, a tecnoloxía ocupa un espazo destacado nesta edición. O obradoiro Cloud computing: despregamento en AWS, Azure e GCP introduce o alumnado nos fundamentos da computación na nube e no funcionamento dos principais provedores deste tipo de servizos avanzados. A actividade desenvolverase entre o 7 de outubro e o 25 de novembro e contará con 25 horas de formación.
Na mesma liña sitúase Contedores, Virtualización e Orquestación: de Docker a Kubernetes, outra proposta de 25 horas que permitirá coñecer ferramentas empregadas actualmente no ámbito das infraestruturas tecnolóxicas e do desenvolvemento de software. O alumnado traballará con máquinas virtuais, Docker e Kubernetes para comprender como se crean, xestionan e despregan contornas illadas e aplicacións modernas na nube e en sistemas locais. O curso desenvolverase entre o 6 de outubro e o 24 de novembro.
Outra das propostas é o obradoiro Introdución ao deseño de placas de circuíto impreso, que se impartirá entre o 14 e o 20 de outubro. Durante 20 horas de docencia, o obxectivo será que as e os participantes acaden un nivel intermedio no deseño de placas electrónicas empregando ferramentas libres e modernas e se familiaricen cos conceptos teóricos fundamentais para o deseño e fabricación de PCBs, incluíndo a comprensión da súa estrutura, materiais e tipos. Tamén aprenderán sobre técnicas básicas de soldadura e medición para traballar con placas electrónicas.
Tamén no eido tecnolóxico ofrécese o taller Introducción a LaTeX para o ámbito profesional e científico, unha proposta de 20 horas de docencia na que as e os asistentes coñecerán este sistema de composición de textos de alta calidade para crear documentos profesionais, presentacións e publicacións científicas de alta calidade. Impartirase entre o 5 e o 20 de outubro.

