
Os investigadores do CITIC da UDC María Amparo Alonso Betanzos e Francisco Javier Bellas participaron onte na xornada Tecnoloxía inclusiva contra a soidade: innovación ao servizo do vínculo comunitario, celebrada na Cidade das TIC da Coruña e organizada por Cruz Vermella en Galicia.
O encontro reuniu a máis de setenta profesionais de diferentes disciplinas para reflexionar sobre o potencial da innovación fronte á soidade non desexada e sobre as condicións necesarias para que a súa incorporación aos coidados e ao acompañamento se realice dun xeito seguro, inclusivo e centrado nas persoas.
María Amparo Alonso Betanzos, investigadora do CITIC da UDC, participou na mesa Solucións intelixentes para retos humanos, dedicada a analizar as oportunidades, os desafíos e as responsabilidades que acompañan ao desenvolvemento tecnolóxico cando este se orienta ao benestar e á inclusión social.
A intervención da investigadora abordou estas cuestións tanto desde unha perspectiva xeral como dende o eido da investigación, poñendo o foco no papel que pode desempeñar a innovación tecnolóxica ante retos sociais complexos.
Pola súa banda, Francisco Javier Bellas participou na mesa redonda Tecnoloxía ao servizo do vínculo comunitario, centrada en como a intelixencia artificial, os sistemas dixitais e a robótica social poden contribuír a identificar situacións de soidade e activar respostas comunitarias. Bellas destacou o potencial destas tecnoloxías, especialmente da IA, para conectar persoas en función dos seus intereses e inquietudes e facilitar determinados servizos mediante sistemas autónomos. O investigador defendeu un desenvolvemento centrado en necesidades reais, que sexa respectuoso coa autonomía e a dignidade humana, cun acceso seguro, e cunha maior alfabetización en intelixencia artificial.
A xornada incluíu tamén demostracións de robótica, experiencias de innovación social e un café experiencial no que o público puido coñecer in situ algunhas das solucións tecnolóxicas que se están a aplicar ao acompañamento, aos coidados e á prevención do illamento social.

