
A directora do Igape, Covadonga Toca Carús, destacou hoxe o potencial do comercio electrónico e das novas ferramentas dixitais para reforzar a competitividade das empresas galegas, mellorar a relación cos clientes e facilitar o acceso a novos mercados.
Durante a inauguración da quinta edición de Ecommerce Days, que se celebra no Pazo da Cultura de Pontevedra, Toca Carús puxo en valor a evolución dun encontro que, desde a súa posta en marcha en 2022, reuniu xa máis de 700 asistentes e 80 relatores, consolidándose como unha das principais citas anuais do comercio electrónico en Galicia.
O ecommerce vai hoxe moito máis alá da venda por internet e está cada vez máis ligado á tecnoloxía, aos datos, ao coñecemento do cliente, ao marketing e á apertura de novos mercados. Esta transformación obriga as empresas non só a coñecer as novas ferramentas, senón tamén a identificar aquelas que poden achegar un valor real aos seus negocios.
Toca Carús referiuse especialmente á intelixencia artificial e á necesidade de avanzar desde o coñecemento das súas posibilidades cara á súa aplicación práctica nas empresas. Neste sentido, salientou o seu potencial para coñecer mellor os clientes, personalizar ofertas, analizar datos, automatizar tarefas e facer máis eficientes os procesos.
A orientación que impulsa a Xunta a través do Igape pasa por favorecer que a innovación e a tecnoloxía se traduzan en resultados concretos para o tecido empresarial, contribuíndo a vender mellor, aforrar tempo, mellorar a toma de decisións e xerar novas oportunidades de negocio.
Porta de entrada a novos mercados
A directora do Igape destacou tamén a capacidade do comercio electrónico para facilitar a internacionalización das pemes galegas. As canles dixitais permiten testar mercados, chegar a novos clientes, acceder a marketplaces e construír unha marca no exterior con máis posibilidades que hai apenas uns anos.
Esta evolución reforza a conexión entre dixitalización, innovación e internacionalización, tres ámbitos que forman parte dunha mesma estratexia de crecemento empresarial. Unha empresa que incorpora de maneira eficaz as ferramentas dixitais está mellor preparada para competir fóra, mentres que unha compañía que aspira a medrar internacionalmente necesita unha estratexia dixital cada vez máis sólida.

