
A empresa pública estatal INECO abriu a convocatoria para que municipios de menos de 10.000 habitantes poidan participar na quinta edición de INECO RuralTIC, o programa da enxeñería e consultoría pública destinado a impulsar a dixitalización social e económica das contornas non urbanas.
Dende a empresa estatal lembran que dende as cinco edicións do programa desenvolvidas dende 2022, este consolidouse como “unha iniciativa que achega a tecnoloxía e as competencias dixitais a pequenos municipios a través dun modelo baseado na presenza directa de profesionais da compañía no territorio”.
A nova edición comezará en xaneiro cando as e os integrantes do equipo de INECO, convertidos durante a súa estadía no rural en nómades dixitais, acudan as primeiros municipios seleccionados. Durante aproximadamente dúas semanas, compaxinarán a súa actividade profesional habitual mediante teletraballo con obradoiros, sesións de acompañamento e actividades dirixidas a veciños, empresas e colectivos locais.
“Estas estadías”, informa INECO, “permiten manter un contacto directo coa realidade de cada municipio e desenvolver unha programación adaptada ás súas necesidades”.

Por certo que para preparar o terreo e localizar os principais retos locais, antes da chegada dos profesionais INECO mantén reunións cos concellos onde tamén se definen conxuntamente os contidos das actividades.
Os municipios interesados en participar en INECO RuralTIC, poden inscribirse ata o 30 de outubro de 2026 a través da ligazón habilitada. O programa está dirixido a municipios españois de menos de 10.000 habitantes interesados en participar no programa.
Para poder acoller aos profesionais desprazados, os concellos deberán poñer ao dispor das persoas voluntarias o aloxamento axeitado para as súas estadías e espazos nos que desenvolver os obradoiros e actividades, ademais de garantir a conectividade necesaria.
Unha sesión informativa para coñecer o programa

Co obxectivo de dar a coñecer as características desta quinta edición e resolver as dúbidas dos concellos interesados, INECO organizará o vindeiro 7 de outubro, ás 11.00 horas, unha sesión informativa online sobre Ineco RuralTIC.
Durante o seminario web explicarase o funcionamento do programa, o proceso de participación, as condicións que deben cumprir os municipios e a experiencia acumulada durante as catro edicións anteriores. As inscricións para participar na sesión xa están abertas.
INECO RuralTIC utiliza a dixitalización como ferramenta para “contribuír ao desenvolvemento social e económico dos pequenos municipios e facilitar que os seus habitantes e empresas poidan aproveitar as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías”.
No ámbito da dixitalización social, os profesionais de INECO desenvolven obradoiros e sesións prácticas dirixidos a mellorar as competencias dixitais da poboación, con especial atención ás persoas maiores e a quen atopa dificultades para desenvolverse na contorna dixital, así como aos máis novos.
O segundo eixo céntrase na dixitalización económica e no acompañamento a autónomos, pequenas empresas e negocios locais. Os talleres permiten coñecer e aplicar ferramentas dixitais que poden contribuír a mellorar a súa actividade, reforzar a súa presenza na Internet, abrir novas canles de comunicación ou comercialización e gañar visibilidade.
Desde o seu lanzamento en 2022, INECO RuralTIC chegou a máis de 130 municipios españois, cunha poboación conxunta superior ás 290.000 persoas.
Durante este período desenvolvéronse preto de 1.500 obradoiros e máis de 800 pequenas e medianas empresas participaron nas diferentes actividades do programa, reforzando a súa vertente económica e a súa contribución ao tecido empresarial dos municipios.
“A quinta edición supón así un novo paso na consolidación dun programa que combina tecnoloxía, coñecemento e presenza no territorio para adaptar a dixitalización ás necesidades concretas do medio rural”, informaron fontes de INECO.

