
O xurado da décima edición dos Premios GCiencia Galicia Spin-Off decidiu conceder os galardóns deste ano a CellCom, grupo de investigación do CINBIO da Universidade de Vigo; Centum Research & Technology, empresa tecnolóxica con sede en Vigo; e TraffikGene, firma xurdida do CiQUS da Universidade de Santiago de Compostela. A entrega terá lugar o próximo 4 de decembro no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela.
No apartado de Selo de Calidade, o galardón recae en Centum Research & Technology, empresa fundada en Vigo en 2005 e especializada no desenvolvemento de sistemas aeronáuticos de misión para os sectores das emerxencias, a seguridade, a defensa e o ámbito aeroespacial. Entre as súas principais tecnoloxías atópase Lifeseeker, un innovador sistema tecnolóxico para a localización de persoas desaparecidas mediante os seus teléfonos móbiles. O xurado salientou a traxectoria da compañía, os resultados acadados e a súa implantación no mercado.
Na categoría de Grupo de Investigación, o premio foi para CellCom (Cell Communication in Cancer and Age-Related Diseases), grupo do CINBIO liderado pola investigadora María Mayán. O premio á Idea Emerxente é para TraffikGene, spin-off do CiQUS da USC orientada ao desenvolvemento de novas ferramentas para a administración de terapias baseadas en ácidos nucleicos.
O xurado dos Premios GCiencia Galicia Spin-Off 2026 estivo composto por Irene Bonome, subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria da Xunta de Galicia; Ana Dorrego-Rivas, investigadora no King’s College London; Pablo Mosquera, director de Investimentos de Unirisco; Lucía Castro Díaz, xerente do DIH Datalife; e Jorge Mira Pérez, vicepresidente do Consello da Cultura Galega. Tamén participaron Pablo López e Laura Filloy, respectivamente director e xornalista de GCiencia —medio que organiza os premios desde 2015—, ambos con voz, pero sen voto.
O xurado destacou “a elevada calidade das candidaturas presentadas nas diferentes categorías e valorou especialmente a capacidade das iniciativas para transformar investigación e coñecemento científico en novas solucións, produtos e empresas”.

