
O Concello de Marín anunciou estes días unha oferta de catro formacións en liña e gratuítas para coñecer as posibilidades da intelixencia artificial e aprender a aplicala no ámbito profesional. O programa abrangue desde unha introdución á IA ata o seu uso nas empresas e nas redes sociais, e inclúe tamén unha formación sobre xestión de comunidades dixitais.
As inscricións xa están abertas ata o 2 de outubro a través da web da Rede CeMIT. Cada unha das propostas conta con 15 prazas.
A formación IA aplicada ás empresas está dirixida a empresas e persoas emprendedoras. Desenvolverase do 5 ao 30 de outubro, en horario de 09.30 a 11.00 horas, e consta de 30 horas de formación.
Pola súa banda, IA nas redes sociais aborda a aplicación destas ferramentas á comunicación dixital. Está dirixida a empresas, persoas autónomas e outros perfís profesionais. Celebrarase do 5 de outubro ao 23 de novembro, de 10.00 a 11.00 horas, cunha duración de 36 horas.
Para quen desexe comezar polos conceptos básicos, Introducción á IA está aberta ao público en xeral. Impartirase do 5 de outubro ao 9 de novembro, de 09.00 a 10.00 horas, e ofrece 26 horas de formación.
A cuarta proposta, Community Manager, redes e web 2.0, está dirixida a profesionais da comunicación. Desenvolverase do 5 de outubro ao 30 de novembro, de 10.30 a 12.15 horas, cun total de 72 horas de formación.
Con esta oferta, o Concello busca “facilitar o acceso a coñecementos dixitais útiles para distintos perfís, desde persoas que queren achegarse por primeira vez á intelixencia artificial ata profesionais que procuran incorporala ao seu traballo diario”.

