
Un grupo de docentes da Universidade Católica de Lublin fórmanse nestes días na Facultade de Dirección e Xestión Pública (no Campus de Pontevedra da UVigo) nas aplicacións da intelixencia artificial no ensino do dereito.
Fano no marco das Xornadas internacionais sobre o impacto da IA na práctica docente e investigadora, coordinadas pola profesora Soraya Rodríguez e promovidas co apoio do Consello Social da UVigo. Este seminario pon o foco nas posibilidades que as ferramentas da IA xenerativa poden supor no día a día docente e investigador no ámbito xurídico, así como na transferencia de coñecemento.
“O xerme desta iniciativa”, lembra Rodríguez Losada, “foi a participación o pasado curso de docentes de Dirección e Xestión Pública nun BIP, un programa de mobilidade de curta duración, na John Paul II Catholic University de Lublin”. O profesorado desta institución amosou o seu interese por obter “formación específica sobre o uso da IA” no ámbito do dereito, o que levou á sinatura dun convenio de colaboración coa UVigo para o desenvolvemento deste “proxecto piloto formativo”, explica a docente.

Partindo do seu propio traballo no “deseño de prompts que puideran ser útiles para a docencia universitaria en materias xurídicas”, así como para a súa investigación na área do dereito financeiro e tributario, Rodríguez coordina un “seminario teórico-práctico” que combina relatorios e talleres con mesas redondas dirixidas á posta en común das cuestións abordadas.
A actividade botou a andar este luns 28 de setembro cunha xornada sobre o uso da intelixencia artificial na docencia, na que a profesora da UVigo abordou as súas posibilidades para o deseño de materiais, exames ou casos prácticos, para logo desenvolver un obradoiro sobre o deseño de tarefas con estas ferramentas, a “detección do copia e pega” e o seu uso na avaliación dos coñecementos do alumnado.
A segunda xornada puxo o foco nos ámbitos da investigación e da transferencia, abordando cuestións como as súas posibilidades para o “mapeamento avanzado de literatura e síntese científica” e as súas posibilidades para “achegar lexislación complexa á cidadanía”. Esta xornada completouse con outro obradoiro, focalizado desta volta no deseño de presentacións para congresos e outro centrado na transformación de textos xurídicos en “resumos accesibles”, infografías ou materias visuais.
As xornadas completáronse este mércores cunha sesión centrada no uso destas ferramentas para o “aforro de tempo”, na que se abordaron cuestións como a súa aplicación en “fluxos de correo, dúbidas de alumnos e administración diaria”.
Rodríguez apuntou que esta actividade constitúe un “proxecto piloto”, no que comezar a definir “unha folla de ruta” que permita traballar, xunto a diferentes socios, en accións formativas máis amplas neste eido. Con esa idea, cada xornada completábase cunha mesa redonda dirixida “a pór en común as nosas necesidades e como podemos implantar isto nas nosas universidades”, explica. Con ese propósito, estes debates sumaron ao profesorado polaco a participación por videoconferencia de docentes das universidades de Debrecen (Hungría) e Cagliari (Italia).

