
No marco da celebración do DataForum Justicia 2026, a Audiencia Provincial da Coruña acolleu onte unha audiencia simulada da xurisdición de menores sobre delitos de acoso, revelación de segredos e lesións no ámbito da violencia de xénero, na que participou alumnado do IES Plurilingüe Eusebio da Guarda e do Máster Universitario en Avogacía e Procura, así como a maxistrada Sonia Rey Salgueiro e a fiscal Laura Iglesias Reina, profesionais da medicina forense e un axente da Policía Local, entre outros. Esta iniciativa terá continuidade o 14 de outubro no salón de plenos do Concello, cun Tribunal de Convivencia dirixido por unha maxistrada, para alumnado de Educación Primaria.
Trátase da primeira actividade que se desenvolve na cidade dentro do DATAfórum, unha iniciativa impulsada polo Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, xunto coa Universidade e o Concello da Coruña, en colaboración co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O encontro busca achegar a Xustiza á cidadanía e promover a reflexión sobre os retos que presentan as novas tecnoloxías.
A audiencia simulada celebrada onte tivo como obxectivo sensibilizar ao estudantado sobre a violencia de xénero, tanto nas relacións presenciais como no ámbito dixital, con especial atención ao uso das redes sociais. Así mesmo, pretendeu fomentar o respecto polos dereitos fundamentais, a igualdade entre mulleres e homes e o coñecemento do funcionamento da Administración de Xustiza.
A presidenta da Audiencia Provincial da Coruña, María Teresa Cortizas González-Criado, destacou a importancia de levar a cabo este tipo de iniciativas, non só para achegar o alumnado á Administración de Xustiza, senón para “previr determinadas condutas e que sexan conscientes das consecuencias que poden ter determinados actos”.
Tamén salientou a implicación da xudicatura galega na formación e sensibilización das persoas máis novas a través de iniciativas como o programa Educar en Xustiza, organizado polo TSXG e no que o curso pasado participaron 11.000 alumnos/as, que asistiron a xuízos reais. O director do Datafórum, Javier Hernández, que tamén participou na vista de menores, subliñou que é crucial “dar a coñecer o servizo público de Xustiza” entre o alumnado.
Ao remate da audiencia simulada, os profesionais participantes mantiveron unha charla co estudantado do IES Plurilingüe Eusebio da Guarda, que tamén asistiu como público.

