
A Xunta avanza no desenvolvemento tecnolóxico necesario para activar en Galicia o primeiro mercado voluntario de créditos de carbono de ámbito autonómico, unha ferramenta dixital destinada a facilitar que empresas e cidadáns poidan compensar as súas emisións mediante o financiamento de proxectos sostibles orientados á redución ou absorción de CO2.
O obxectivo é conectar os promotores destas iniciativas con empresas, organizacións ou particulares interesados en adquirir créditos de carbono, independentemente de que teñan ou non a obriga legal de compensar as súas emisións. O sistema permitirá así fomentar proxectos vinculados á descarbonización e contribuír ao desenvolvemento de modelos de negocio relacionados coa economía verde.
O Consello da Xunta foi informado dos últimos pasos para pór en marcha este mercado virtual, que empregará tecnoloxías destinadas a garantir a seguridade, a rastrexabilidade e o seguimento das operacións. A plataforma, actualmente en desenvolvemento no marco do proxecto SICLE CO2 e á que se poderá acceder desde o Portal de Acción Climática, integrará intelixencia artificial, datos multisensor, imaxes satelitais, sistemas de información xeográfica e blockchain, ademais de garantir a interoperabilidade con outros sistemas da Xunta e con bases de datos oficiais.
O mercado estará en produción a finais deste ano, o que converterá Galicia na primeira comunidade en activar unha ferramenta destas características. Será o primeiro fito visible do proxecto SICLE CO2, que conta cun investimento total de máis de 6 millóns de euros e continuará o seu desenvolvemento progresivo ata 2028, coa incorporación dos distintos módulos, a integración de datos e tecnoloxías, a validación e realización de probas, así como a formación e o soporte.
O sistema voluntario de créditos de carbono foi impulsado pola Xunta para contribuír á descarbonización de Galicia e favorecer novas actividades económicas nos sectores forestal, agrario ou acuícola, entre outros, como parte do camiño cara á neutralidade climática en 2040. O decreto que regula o sistema aprobouse a finais de 2025 e, desde entón, os traballos centráronse no despregamento tecnolóxico necesario para facer operativo o mercado.
Os créditos poderán proceder de proxectos destinados a reducir ou absorber gases de efecto invernadoiro en ámbitos como a reforestación, a acuicultura sostible ou as enerxías renovables. O funcionamento será similar ao dun mercado virtual, no que os promotores das actividades xeradoras de créditos poderán contactar con empresas e particulares interesados en adquirilos.
Un Portal de Acción Climática como punto de referencia

O novo Portal de Acción Climática de Galicia está operativo desde hoxe como un espazo dixital de referencia que concentra e ordena a información dispoñible sobre cambio climático, así como os instrumentos de planificación e os recursos relacionados coa resposta institucional neste eido.
A ferramenta busca ofrecer unha referencia pública única sobre cuestións como a mitigación das emisións, a adaptación aos efectos do cambio climático, a innovación, a formación e a divulgación. A súa principal singularidade é integrar nun mesmo espazo dixital datos e contidos, normativa, instrumentos de planificación e recursos operativos e de gobernanza climática.
O portal ofrece acceso a información oficial e contrastada, facilita a consulta de plans, normativa e estudos relacionados coa materia e incorpora recursos dirixidos a empresas e organizacións, concellos e cidadanía. Tamén pretende facilitar a conexión entre o coñecemento científico, a xestión pública e as necesidades da sociedade.
A xestión do portal corresponde á Oficina de Cambio Climático, que se configura tamén como un punto de encontro e relación directa coa sociedade. A través desta canle, empresas, administracións locais, centros educativos e entidades poderán acceder a información, participar en iniciativas, incorporar novas accións e colaborar nos procesos vinculados á transición climática.
A Oficina facilitará ademais o contacto entre os distintos axentes, promoverá redes de colaboración e orientará cada colectivo cara aos programas e recursos máis adecuados ás súas necesidades e posibilidades de participación.

