
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, recibiu hoxe na alcaldía aos catro estudantes da Universidade de Vigo seleccionados para participar na segunda edición do certame Líderes Dixitais Universitarios 2026, unha iniciativa da Rede de Cátedras Telefónica que reúne a estudantes de grao e mestrado con formación en competencias dixitais para poñer a proba os seus coñecementos tecnolóxicos, a súa capacidade de liderado e as súas habilidades de comunicación ante os retos da sociedade dixital.
Pablo Alonso, Alberto Nóvoa, Darío López e Sami Darwich estiveron acompañados polo director do Territorio Norte de Telefónica España, Manuel Ángel Alonso, e polo director da cátedra Telefónica da Universidade de Vigo, José Cidrás.
II Edición Programa Líderes Dixitais Universitarios
Líderes Dixitais Universitarios é unha iniciativa promovida por Telefónica España a través da súa Rede de Cátedras, que celebra este ano o seu 25 aniversario e está orientada a recoñecer, impulsar e dar visibilidade ao talento universitario no ámbito do liderado dixital.
O programa diríxese a unha selección de estudantes de grao e mestrado de 23 institucións académicas que integran a Rede de Cátedras Telefónica e avalía aos participantes mediante probas deseñadas en colaboración con distintas áreas de Telefónica, artelladas ao redor de tres dimensións: as competencias dixitais avanzadas (hard skills), as habilidades de liderado e comunicación (soft skills) e o coñecemento da contorna empresarial.
Na edición de 2026 participarán preto de un centenar de estudantes previamente seleccionados, xunto con profesorado universitario e profesionais de Telefónica. O programa desenvólvese nunha fase inicial de selección, a partir dunha convocatoria realizada ao longo do mes de setembro entre os estudantes da universidade.
A fase inicial na UVigo consistiu na selección de 4 estudantes para representar á universidade na fase final en Madrid, que se celebrará os días 29 e 30 de outubro na sede de Telefónica na capital. Nesta xornada final, os participantes competirán de maneira individualizada ante un xurado cualificado, enfrontándose a retos de maior esixencia que poñen a proba o conxunto das súas capacidades.
A edición deste ano convida os universitarios a reflexionar sobre o impacto da intelixencia artificial na competitividade das contornas urbanas, ao redor da seguinte pregunta: “Unha Cidade Intelixente sen IA seguirá sendo competitiva nos próximos anos?
En palabras de Manuel Ángel Alonso, “líderes Dixitais Universitarios é unha mostra do compromiso de Telefónica co talento novo e cos profesionais que liderarán a transformación dixital. En Telefónica asumimos o reto de converternos na mellor vía de acceso dos cidadáns ás tecnoloxías dixitais, un propósito que forma parte da nosa vocación como compañía comprometida social e culturalmente máis aló do negocio”.

