
Apple anunciou cambios no sistema de permisos de macOS para endurecer o funcionamento do Acceso Total ao Disco, o nivel de acceso que permite a determinadas aplicacións acceder a boa parte dos datos almacenados nun Mac.
A medida responde ao uso deste permiso por parte dalgúns programas que, segundo Apple, poden chegar a acceder a ficheiros, correo electrónico, mensaxes ou historial de navegación sen que o usuario comprenda plenamente o alcance da autorización concedida. No caso das aplicacións de comunicación, este acceso tamén pode afectar á privacidade das persoas coas que se manteñen esas conversas.
O Acceso Total ao Disco foi deseñado para permitir que determinadas aplicacións, especialmente as destinadas a realizar copias de seguridade, poidan operar correctamente a pesar das restricións de privacidade de macOS. O novo sistema incorporará controis adicionais para que a concesión deste nivel de acceso requira unha acción explícita por parte do usuario.
Apple vincula tamén estes cambios á expansión dos axentes de IA. A medida que estas ferramentas gañan capacidade para executar tarefas de maneira autónoma, o acceso amplo aos datos dun ordenador pode ter consecuencias maiores, polo que a compañía considera necesario que o usuario comprenda claramente o alcance do permiso antes de concedelo.
Os novos controis forman parte dos cambios que Apple introducirá progresivamente en macOS para limitar os riscos asociados a este nivel excepcional de acceso, sen impedir que os usuarios poidan autorizalo cando realmente o necesiten.
Resulta curioso que estes cambios na seguridade de macOS cheguen despois da denuncia por parte de varios usuarios de que Muse, o axente de IA de Meta, accedese a mensaxes privadas sen a autorización pertinente, pese a que Meta insiste en que deixa que o propio usuario ten o control sobre os datos que comparte coa IA. Estamos así ante un novo escenario no que os novos usos da IA poden supor todo un reto a nivel de privacidade e seguridade, ante o que deberán reaccionar todas as partes: dende os desenvolvedores ata os usuarios.

