
A Delegación do Goberno en Galicia anima os concellos galegos de menos de 10.000 habitantes a participar na quinta edición de INECO RuralTIC, o programa da empresa pública INECO destinado a impulsar a dixitalización social e económica do medio rural.
Segundo lembra a Delegación, “este programa representa unha oportunidade para os pequenos concellos galegos, ao permitir achegar formación e ferramentas dixitais directamente ao territorio, especialmente ás persoas maiores, á mocidade e ao tecido económico local”.
Os municipios interesados poden inscribirse ata o 30 de outubro de 2026 a través do formulario habilitado por INECO ao que se pode acceder en liña.
A Delegación lembra que “a nova edición permitirá que profesionais de INECO se despracen aos municipios seleccionados e, durante aproximadamente dúas semanas, compaxinen o seu traballo habitual en remoto coa realización de obradoiros, sesións de acompañamento e actividades dirixidas á veciñanza, empresas e colectivos locais”.
Antes de cada estadía, a empresa pública manterá reunións cos concellos para coñecer as súas necesidades e deseñar os contidos que se desenvolverán logo, e “deste xeito, a formación adáptase á realidade social e económica de cada territorio”, engadiu a Delegación, lembrando que “RuralTIC articúlase arredor de dous grandes ámbitos: por unha banda, a dixitalización social, mediante obradoiros prácticos para mellorar as competencias dixitais da poboación, prestando especial atención ás persoas maiores e a aquelas que atopan máis dificultades para desenvolverse no ámbito dixital, así como á mocidade; e pola outra coa vertente de dixitalización económica, acompañando a autónomos, pequenas empresas e negocios locais na utilización de ferramentas que lles permitan mellorar a súa actividade, reforzar a súa presenza en Internet, abrir novas vías de comunicación e comercialización e aumentar a súa visibilidade”.
Para acoller os profesionais desprazados, os concellos participantes deberán facilitarlles un aloxamento adecuado durante a súa estancia, así como espazos para desenvolver os talleres e actividades e a conectividade necesaria.
Sesión informativa o 7 de outubro
INECO celebrará o vindeiro 7 de outubro, ás 11:00 horas, unha sesión informativa en liña para explicar aos concellos interesados o funcionamento do programa, o proceso de participación e as condicións da convocatoria, ademais de resolver dúbidas.
Desde a súa posta en marcha en 2022, INECO RuralTIC chegou a máis de 130 municipios, cunha poboación conxunta superior ás 290.000 persoas. Neste período desenvolvéronse preto de 1.500 talleres e participaron nas diferentes actividades máis de 800 pequenas e medianas empresas.
“A quinta edición dá así continuidade a unha iniciativa que combina tecnoloxía, coñecemento e presenza directa no territorio para contribuír á cohesión territorial, á igualdade de oportunidades e á modernización do medio rural”, concluíron fontes da Delegación do Goberno en Galicia.

