
O programa Adestrar sen pantallas. Gañar en saúde chega a Ribeira, Vilagarcía, Cambados e A Estrada da man da Fundación Galega Contra o Narcotráfico (FGCN), coa colaboración dos Concellos e co obxectivo de fomentar un uso saudable da tecnoloxía dende o deporte.
Trátase dun programa pioneiro impulsado pola FGCN e deseñado por expertos para a prevención, a través do deporte, das adiccións a Internet, móbiles, redes sociais, videoxogos e apostas, contando co apoio da Xunta de Galicia e a colaboración técnica das referidas institucións universitarias.
Unha vez perfilados os últimos detalles, esta iniciativa comezarase a implantar como proxecto piloto nos municipios de Ribeira, Vilagarcía de Arousa, Cambados e A Estrada para promover dende o ámbito deportivo un uso saudable das pantallas entre a mocidade galega, rapazada con idades comprendidas entre os 12 e 13 anos.

Para tal cometido, contarase coa colaboración das Administracións locais citadas, clubs participantes e federacións das disciplinas do atletismo, baloncesto, balonmán, fútbol e ximnasia, coa vontade de estendelo a outras localidades e modalidades en fases sucesivas.
Adestrar sen pantallas. Gañar en saúde céntrase no desenvolvemento de competencias emocionais e relacionais, nos riscos asociados ao uso abusivo das pantallas e nas estratexias para a promoción do benestar dixital; papel onde os/as adestradores/as adquiren gran relevancia. En consecuencia, as actuacións previstas buscan instar ás familias e á comunidade para tomar conciencia e fomentar a práctica deportiva e a actividade física como alternativa de lecer saudable e desenvolvemento integral das persoas.
Como dixemos, o programa é unha iniciativa da Fundación Galega contra o Narcotráfico no seu traballo no campo da prevención de adiccións co apoio e financiamento da Xunta de Galicia (Consellería de Sanidade e Secretaria Xeral para o Deporte). Desenvolvemento técnico a cargo de UNIR (Universidad Internacional de la Rioja) coa supervisión científica da USC.
As disciplinas deportivas seleccionadas para o inicio do programa son atletismo, baloncesto, balonmán, fútbol e ximnasia; estando previsto estender o programa a novas áreas e deportes unha vez avaliada e consolidada a implantación inicial.
As ditas entidades explican que Adestrar sen Pantallas é unha resposta innovadora aos problemas que está a suscitar o uso cada vez máis temperán, frecuente e intensivo dos dispositivos dixitais na infancia e na adolescencia, con importantes implicacións en termos de saúde (tanto física, como mental) e de convivencia.

