
O calendario de aplicación das obrigas pendentes do Real Decreto 1007/2023, que regula os sistemas informáticos de facturación (VERI*FACTU), podería atrasarse ata outubro de 2028 para facelo coincidir coa entrada en vigor da factura electrónica obrigatoria para empresarios e profesionais cunha facturación anual de ata 8 millóns de euros.
A medida busca favorecer a maior converxencia posible entre os sistemas de facturación electrónica e o regulamentado por VERI*FACTU, tanto desde o punto de vista normativo como técnico, aliñando os respectivos calendarios de implantación.
Unha vez aprobada esta modificación, está previsto abordar unha segunda reforma destinada a facer converxer os ámbitos de aplicación e determinados aspectos técnicos da normativa actual, tendo en conta tamén os futuros requisitos de reporte dixital derivados de ViDA.
O novo adiamento (lembremos que tiña que entrar en vigor o 1 de xaneiro de 2026) non suporía cambios substanciais nas garantías técnicas previstas actualmente. Manteríanse as esixencias relativas á integridade, conservación, accesibilidade, lexibilidade, trazabilidade e inalterabilidade da facturación, así como o resto das garantías establecidas no Real Decreto 1007/2023.

