
Apple aplicou unha nova suba de prezos a Apple One en varios países europeos, entre eles España. O incremento afecta aos plans Familiar e Premium, mentres que a modalidade Individual mantén polo momento a súa tarifa.
En España, Apple One Familiar pasa a custar 27,95 euros ao mes, fronte aos 25,95 euros anteriores. Pola súa banda, Apple One Premium sitúase en 36,95 euros mensuais, tamén 2 euros máis que ata agora. Os novos prezos xa se aplican aos novos subscritores, mentres que os usuarios actuais comezarán a pagar a nova tarifa na seguinte renovación da súa subscrición.
A subida afecta tamén a Bélxica, Bulgaria, Chequia, Dinamarca, Hungría, Letonia, Malta, Portugal, Eslovaquia, Eslovenia e Suíza no caso do plan Familiar. O Premium só incrementou o prezo en Portugal, España e Suíza. A modalidade Individual non experimentou cambios nesta actualización.
Apple One Familiar inclúe 200 GB de almacenamento de iCloud+, Apple TV, Apple Music e Apple Arcade. O plan Premium eleva o almacenamento a 2 TB e engade Apple Fitness+ ao paquete de servizos.
Trátase, polo menos, da terceira revisión á alza dos prezos de Apple One ao longo deste ano. En meses anteriores xa se produciron incrementos para diferentes modalidades en EE.UU., Australia, Canadá, Reino Unido e outros mercados.

