
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, incidiu hoxe en que a dixitalización, a innovación tecnolóxica, a trazabilidade e a sustentabilidade son piares fundamentais para garantir a competitividade futura da cadea mar-industria galega. Fíxoo durante a inauguración do XIV Congreso Internacional Conxemar-FAO, que se celebra na sede de Afundación en Vigo baixo o lema Smart Blue Leadership: eficiencia, intelixencia e estándares globais para unha industria comprometida e que reúne especialistas de organismos internacionais, institucións públicas, comunidade científica e sector empresarial.
Na súa intervención, Villaverde salientou o papel de Galicia como territorio de referencia na transformación tecnolóxica e sostible do sector. Neste sentido, asegurou que «Galicia non se detén a observar como se acerca o futuro tecnolóxico. Galicia está a construílo de xeito activo», e puxo como exemplo a transformación das rulas a través de Lonxas Galegas 4.0, que permite realizar compras de maneira remota e acceder a datos en tempo real, optimizando o control e a información sobre o produto que chega aos mercados.
A responsable autonómica, que estivo acompañada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, destacou tamén os avances en materia de información e control mediante selos como pescadeRías, de onde se non?, a Plataforma Tecnolóxica da Pesca e a aplicación Trazamar, así como o labor da Axencia Intecmar no control e na observación da calidade do medio mariño. Estas ferramentas, explicou, permiten reforzar a confianza dos consumidores e responder á crecente demanda de información sobre a orixe, a calidade, a seguridade alimentaria e a sustentabilidade dos produtos.
Villaverde incidiu igualmente na necesidade de que a innovación e a apertura comercial vaian acompañadas dun marco internacional que garanta unha competencia xusta. Así, lembrou a posición da Xunta a favor da incorporación de cláusulas espello nos acordos comerciais e de controis estritos que aseguren que os produtos procedentes de terceiros países cumpran esixencias equivalentes ás aplicadas aos produtores comunitarios.
«Entendemos que é esencial avanzar cara a un comercio xusto e sostible, e tamén cara a unha competencia leal e equilibrada, baseada nas mesmas regras, garantías e controis para todos os produtos que compiten nun mercado como o europeo», afirmou.
A conselleira valorou ademais que o programa desta edición sitúe no centro do debate cuestións como a intelixencia artificial, a rastrexabilidade dixital, as novas tendencias de consumo, a competitividade internacional e as oportunidades vinculadas á economía azul. O congreso conta con expertos da FAO, o Banco Mundial, a Iniciativa para a Transparencia Pesqueira e o Global Dialogue on Seafood Traceability, entre outras organizacións.
Villaverde pechou a súa intervención felicitando os organizadores por converter Vigo e Galicia nun punto de encontro internacional para debater sobre o futuro dos produtos do mar. «En Galicia queremos seguir construíndo, entre todos, un futuro máis próspero e sostible para este sector tan estratéxico», concluíu.

