
As investigadoras do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña Laura Nieto Riveiro, Paula de Santos Dorrego, Patricia Concheiro Moscoso e Betania Groba González participaron en setembro nunha experiencia de colaboración co servizo de Terapia Ocupacional do Hospital de Día de Psiquiatría do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF).
Segundo explica o CITIC, a iniciativa consistiu nunha estadía que combinou investigación, tecnoloxía creativa e participación social para “explorar o potencial das ferramentas de programación e creación dixital no eido da saúde mental”. A experiencia desenvolveuse durante dous días á semana e centrouse no traballo colaborativo das persoas participantes mediante as plataformas Makey Makey (que permite conectar elementos físicos con dispositivos dixitais e usalos como interfaces de interacción) e Scratch (que familiariza aos usuarios coa programación mediante unha contorna visual moi accesible). A partir destas ferramentas, as e os participantes organizáronse en grupos para pensar e desenvolver os seus propios proxectos creativos, dende a concepción inicial ata a programación e posta en funcionamento. Entre as propostas traballadas atopáronse obxectos interactivos como un piano ou un tambor, segundo confirmaron as investigadoras.
Salientaron tamén que un dos aspectos centrais da experiencia foi o “carácter cooperativo dos talleres”. O obxectivo non se limitaba á aprendizaxe ou ao resultado tecnolóxico, senón que buscaba que “cada persoa puidese contribuír ao proxecto dende as súas propias capacidades, achegando solucións en diferentes fases do proceso”. Deste xeito, a creación colectiva convértese tamén “nunha oportunidade para favorecer a interacción e o establecemento de novas conexións entre as persoas que participan da mesma”, engadiron.
A actividade intégrase nunha proposta máis ampla de Terapia Ocupacional desenvolvida polo Hospital de Día durante o mes de setembro. Xunto cos obradoiro de tecnoloxía creativa, o equipo asistencial levou tamén á comunidade o obradoiro Hábitos e rutinas para o sono, ocuparnos do descanso é ocuparnos da saúde, celebrado no centro cívico de Canido e orientado a reflexionar sobre as rutinas cotiás e a súa relación co descanso. Esta actividade terá continuidade o último venres de outubro.
Esta iniciativa permite así conectar o traballo desenvolvido dende o CITIC da UDC coa práctica asistencial do Hospital de Día de Psiquiatría do CHUF, achegando a investigación tecnolóxica a un contexto real e explorando novas aplicacións das tecnoloxías dixitais dende unha perspectiva inclusiva e centrada nas persoas.

