
O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), encara nestes primeiros días de outubro a fase final do programa de alfabetización dixital e o peche da XI edición do Scratch Day.
Por unha banda o ciclo de formación sobre tecnoloxía, infancia e prevención de riscos na Rede entra na súa recta final con dúas importantes citas para as familias. A primeira terá lugar este mércores, 7 de outubro, de 17:00 a 19:00 horas, no espazo GaiásTech; e a segunda celebrarase o venres, 9 de outubro, no mesmo horario (de 17:00 a 19:00 h), na Aula CeMIT de Moaña.
O CPETIG explica que nestes obradoiros abordaranse “cuestións fundamentais para o benestar dixital dos menores”, como a xestión dos videoxogos, o uso de ferramentas de control parental, a configuración segura de dispositivos e a prevención do ciberacoso e a sextorsión. Este ciclo pechará o próximo 23 de outubro no CeMIT do Barco.

Por outra banda, o programa de fomento de vocacións STEAM Scratch Day culmina esta semana a súa XI edición. Tras pasar polas aulas CeMIT de Fisterra e Leiro a semana pasada, a iniciativa celebrará o seu grande evento de clausura este sábado, 10 de outubro, no Salón de Convencións do edificio CINC (Cidade da Cultura, Santiago de Compostela).
Esta xornada porá o ramo a un programa deseñado para que nenas, nenos e adolescentes de entre 7 e 15 anos se inicien na programación informática de xeito lúdico e intuitivo.
Tanto as sesións do ciclo formativo como a xornada de clausura do Scratch Day son totalmente gratuítas. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición nas aulas CeMIT correspondentes ou a través do portal oficial do Scratch Day.

