
A consultora Vitae, referente galego e estatal na formación avanzada de profesionais TIC, vainos deparar este mes de novembro unha nova formación que pon o foco nas posibilidades e vantaxes que pode carrexar intelixencia artificial para as contornas empresariais de desenvolvemento. Trátase do curso O novo profesional dixital: aplicacións avanzadas de IA xenerativa. Terá 12 horas de duración e levarase a cabo os días 4, 5, 10 e 12 de novembro de 2026, da man do experto Carlos J. Escudero.
Ao longo de catro mostrarase aos asistentes como convertérense en “profesionais dixitais IA de nivel avanzado”. A formación arrincará cunha automatización sinxela, incorporando axentes e habilidades (skils), ampliando horizontes coas ferramentas RAG e GraphRAG e, finalmente, estudaranse como usalas de forma segura e consciente nunha empresa.
Vitae explica que a IA xenerativa xa permite analizar documentos, organizar información, automatizar tarefas e consultar coñecemento empresarial. “Con todo”, engade a consultora, “obter resultados útiles e fiables esixe algo máis que escribir bos prompts; é necesario comprender como funcionan os modelos, como se conectan con ferramentas, como se prepara o coñecemento da organización e que condicións de privacidade, seguridade e supervisión deben cumprirse”.
Para Vitae, o profesional do presente xa necesitará estas competencias e coñecementos para adaptarse ás necesidades dos postos que cada vez serán, e son, máis dixitais coa IA.

Neste concurso aprenderemos a comprender como funcionan os modelos xenerativos (cales son as súas capacidades e onde aparecen as súas principais limitacións); a transformar documentos e información non estruturada en datos organizados, revisables e que se poidan reutilizar; a diferenciar entre un chatbot, unha automatización, un asistente e un axente; a deseñar e modificar capacidades que indiquen a un axente como realizar unha tarefa; a conectar axentes con arquivos, aplicacións e fontes de información mediante ferramentas e protocolos como MCP; a preparar coñecemento corporativo para a súa consulta mediante RAG e GraphRAG; a comparar ferramentas públicas, contas empresariais, APIs, servizos na nube e modelos locais; a identificar riscos relacionados con datos, privacidade, seguridade, propiedade intelectual e normativa; e a seleccionar un primeiro caso de uso axeitado para realizar un piloto na empresa.
No curso facilitarase unha conta de ChatGPT de pago para seguir o curso e realizar as prácticas.
Gravaranse as sesións para poder consultalas de forma ilimitada unha vez finalizado o curso.
Obxectivos
- Proporcionar unha visión clara e rigorosa da IA xenerativa, evitando tanto a simplificación excesiva como a complexidade innecesaria.
- Mostrar un método práctico para pasar dunha necesidade empresarial a un asistente de IA delimitado, verificable e supervisado.
- Capacitar aos participantes para avaliar con criterio ferramentas, propostas e proxectos de IA.
- Facilitar un vocabulario común entre perfís directivos, funcionais e técnicos.
- Orientar a adopción da IA cara a casos de uso realistas, de baixo risco inicial e alta aprendizaxe.
A quen se dirixe
O curso vai dirixido a profesionais de calquera sector interesados en comprender como aplicar a IA máis aló do uso ocasional dun chatbot; equipos mixtos de técnicos e usuarios de negocio que necesiten compartir criterios e linguaxe para abordar proxectos de IA xenerativa; equipos de dirección, xerencia e responsables de transformación dixital; profesionais da innovación, operacións, administración, calidade, recursos humanos ou atención ao cliente; e responsables de sistemas e persoal técnico que deban avaliar ou implantar solucións baseadas en IA.
Formador: Carlos J. Escudero

A persoa encargada da formación será Carlos J. Escudero, enxeñeiro de Telecomunicación, doutor en Informática e catedrático de Universidade na área de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade da Coruña, cunha traxectoria de máis de 30 anos en docencia, investigación, innovación e xestión universitaria. Desempeñou diferentes responsabilidades de dirección e xestión, entre elas as de adxunto ao reitor en TIC, coordinando os servizos de informática e comunicacións da Universidade da Coruña, director do Departamento de Electrónico e Sistemas e vicedecano de Infraestruturas da Facultade de Informática, unha experiencia que lle permitiu combinar unha sólida
visión tecnolóxica co coñecemento práctico dos procesos de transformación dixital e de xestión de infraestruturas e servizos TIC en organizacións complexas.
A súa actividade investigadora desenvolveuse principalmente nos ámbitos do procesado de sinal, as comunicacións dixitais, redes sen fíos, sistemas de localización e as Tecnoloxías da Información (TI). Desde 2007 é investigador do CITIC da UDC, onde liderou diversos proxectos relacionados coa comunicacións sen fíos. Á súa traxectoria académica suma experiencia empresarial e de transferencia tecnolóxica como emprendedor, investigador e consultor, participando como socio fundador en empresas tecnolóxicas como Nomasystems e Sevenix Ingeniería.
Nos últimos anos centrou parte do seu traballo nos sistemas de IA xenerativa e axéntica, na xestión estruturada do coñecemento e a aplicación práctica destas tecnoloxías en organizacións. O seu enfoque como formador combina rigor técnico, claridade didáctica, experiencia en xestión tecnolóxica e unha marcada orientación cara a casos de uso reais.

