
A Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVigo, froito da colaboración entre a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo, ten aberto o prazo de presentación de candidaturas para a nova edición dos Premios GirlGeekPower, curso académico 2026/2027. Estes galardóns teñen como obxectivo principal incentivar, visibilizar e fomentar as vocacións nas áreas STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) entre o alumnado feminino dos campus de Vigo e Pontevedra da institución académica.
A convocatoria busca traxectorias e perfís de mozas que cursan este tipo de estudos na UVigo para distinguir a súa excelencia académica combinada coa reflexión crítica sobre a fenda de xénero en ámbitos historicamente masculinizados. Para iso, como en cada edición, outorgarase dous primeiros premios e cadanseu accésit nos eidos de Ciencias e Ciencias da Saúde e de Enxeñaría e Arquitectura. En total repartiranse 6000 euros, 2000 para cada unha das gañadoras e 1000 para cada accésit.
Requisitos e presentación de candidaturas

Para concorrer a estes galardóns, as aspirantes deberán estar matriculadas no curso 2026/2027 en, como mínimo, 30 créditos nunha titulación de grao ou máster oficial das ramas obxecto da convocatoria en escolas ou facultades da provincia de Pontevedra da UVigo. No caso das alumnas de grao, deberán ter superado un mínimo de 60 créditos da titulación que están a cursar e todas as candidatas deben ter unha nota media igual ou superior a 7 nas titulacións da rama de Enxeñaría e Arquitectura, ou 8 nas titulacións de Ciencias e Ciencias da Saúde. Ademais, non poderán concorrer aquelas mozas que xa tivesen sido distinguidas con este galardón nunha edición previa para o mesmo nivel de estudos.
A xustificación das candidaturas xulgarase tanto polo rendemento académico como pola entrega dunha carta de motivación. Neste documento, as participantes deberán expor as razóns que as levaron a escoller os seus estudos universitarios e reflexionar sobre a súa experiencia persoal como mulleres nunha contorna académica e profesional aínda influída por estereotipos de xénero.
O prazo de solicitudes está aberto ata o 19 de outubro ás 23.59 horas e deben presentarse a través do formulario habilitado na Secretaría Virtual da Universidade de Vigo. A revisión e valoración das candidatas será realizada por unha comisión que estará presidida por Edita de Lorenzo, profesora do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións; María de los Ángeles Peña, profesora do Departamento de Química Física; Lucía Muradas, xefa do Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra e Marta Caldas, adxunta ao Servizo de Igualdade da mesma institución.

