
A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias de Galicia (AFAGA) celebrou en Vigo a presentación do proxecto Vida 6.0, escribindo a miña historia, que a asociación levará a cabo co financiamento da convocatoria solidaria BBVA Futuro e co apoio da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Ao acto acudiron Juan Carlos Rodríguez, presidente de AFAGA, Enrique de la Fuente, director de Zona Galicia Sur de BBVA, David Facal Mayo, investigador no Instituto de Psicoloxía da USC (IPsiUS) e investigador principal do proxecto, Sonia María Valladares Rodríguez, do Departamento de Electrónica e Computación da USC e responsable técnica do proxecto e María Vidal, traballadora social de AFAGA.
Segundo explicaron, Vida 6.0, escribindo a miña historia nace “co obxectivo de mellorar o benestar emocional de persoas con alzhéimer ou outras demencias, mediante a elaboración dun libro de vida personalizado, en formato físico e dixital, que recolle e preserva a historia de vida, identidade, valores e preferencias dos pacientes”.
Enmarcada no modelo de Atención Centrada na Persoa (ACP), esta historia de vida recompila, estrutura e preserva a traxectoria vital de cada persoa, con documentación escrita e audiovisual, promovendo a estimulación cognitiva, mediante a evocación de recordos significativos e experiencias vitais relevantes e o reforzo do sentimento de pertenza, legado familiar e cohesión social, permitindo un acompañamento terapéutico individualizado e respectuoso, máis aló do diagnóstico.
O libro de vida incorpora un espazo para a expresión de desexos, expectativas e preferencias de futuro, que promove a participación da persoa na toma de decisións e na planificación anticipada dos seus coidados.
O proxecto desenvolverase durante doce meses na Área Sanitaria de Vigo e beneficiará directamente a 100 persoas con demencia, usuarias dos programas de neuroactivación de AFAGA, a 200 familiares e involucrará a unha decena de profesionais para acompañar na elaboración das historias vitais.
A USC achegará a plataforma dixital e a metodoloxía especializada para a dixitalización e edición dos libros de vida que se entregarán a cada participante en formato impreso e dixital, para ser utilizado pola persoa e pola súa contorna familiar e profesional e favorecer así unha atención máis personalizada, digna e coherente coa súa traxectoria vital.
Para o desenvolvemento do proxecto, AFAGA prestará ao seu equipo de profesionais unha formación en liña centrada na Metodoloxía Historia de Vida (Life Narrativa Work) e en habilidades conversacionais.
O proceso narrativo dos libros de vida transcorrerá durante catro meses, en tres grandes bloques temporais: pasado, presente e desexos futuros, mediante preguntas-guía semanais, materiais de apoio e acompañamento continuo.
O proxecto culminará cun acto de entrega, concibido como un momento de recoñecemento, peche do proceso e posta en valor da traxectoria vital de cada participante. AFAGA realizará posteriormente unha avaliación do proxecto, analizando o grao de participación, satisfacción e beneficios, así como o seu impacto social.
Dende AFAGA sinalan que “experiencias previas deste programa mostran que o 77% dos beneficiarios (pacientes e familias) reducen a sensación de soidade, a 86% mellora o seu benestar emocional e a 84% conserva a súa historia e proxecto de vida”.

