
O XIX Encontro Ibérico de Parques Científicos e Tecnolóxicos celebrou esta mañá a súa derradeira xornada na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago. É unha iniciativa promovida pola Asociación de Parques Científicos y Tecnológicos de España (a APTE, da que forma parte a Tecnópole de Ourense) e a rede portuguesa TecParques (Associação Portuguesa de Parques de Ciência e Tecnologia). Esta edición, na que participaron 25 parques dos dous países, estivo impulsada pola Consellería de Economía e Industria.
O encontro reuniu durante dúas xornadas a representantes de parques, institucións e empresas de Galicia, España e Portugal.

O seu obxectivo foi “identificar oportunidades de colaboración e seguir fortalecendo a alianza ibérica en materia de ciencia, tecnoloxía e innovación a través dos parques científicos e tecnolóxicos”.
As firmas e entidades participantes puxeron o foco en ámbitos estratéxicos como a intelixencia artificial, aeroespacial, seguridade e defensa, tecnoloxías duais e ciberseguridade (tema central da xornada de hoxe).
Ao longo da mañá, responsables de firmas e institucións dos dous países (entre elas a firma viguesa Inprosec e a operadora de telecomunicacións Teléfonica, xunto a outras do país luso) debateron sobre o presente e futuro da seguridade dixital, conducidos polo director de Competitividade do Igape, Norberto Penedo.

A experta portuguesa Carla Zibreira abordou a transposición da Directiva Europea NIS2, cuxa finalidade é garantir a ciberseguridade nos diferentes países, protexendo as infraestruturas críticas e os servizos dixitais clave dos que depende a economía e a sociedade ante o aumento das ciberameazas.
Pola súa banda, a directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, aplaudiu a elección de Galicia como sede do encontro, centrado ademais en sectores que están a transformar a nosa economía. Nesta liña, destacou que desde a Xunta de Galicia estanse a desenvolver novas propostas como a Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo 2025-2030 e incidiu no feito de que “a nosa comunidade ofrece unha contorna especialmente axeitada debido á súa cooperación histórica con Portugal en proxectos de I+D+i”, ao tempo que manifestou que “este encontro vainos permitir crear novas alianzas entre empresas e institucións, impulsando o talento dos dous países”.

Durante o evento, o vicepresidente de APTE, Luis Pérez, salientou que “levamos 19 anos conectando innovación con Portugal e este encontro é unha oportunidade para seguir fortalecendo esta alianza. Desde os parques aspiramos a converternos nun referente tecnolóxico de innovación e de economía do coñecemento”.
Pola súa parte, o presidente de TecParques, Nuno Augusto; puxo de relevo que “os parques científicos e tecnolóxicos de Galicia, España e Portugal lograron construír ao longo destes anos unha relación moi frutífera que cremos que pode producir aínda máis resultados. Temos centros de investigación de enorme calidade, magníficas universidades, empresas competitivas e grandes infraestruturas científicas e tecnolóxicas. Debemos ligar ese talento e esa capacidade e transformalo en oportunidades reais. O noso reto debe ser construír xuntos un espazo ibérico de innovación cada vez máis forte. Debemos empezar a mirar a Península Ibérica non como un espazo transfronteirizo, senón como un verdadeiro espazo de innovación, coñecemento e talento onde as empresas e o investimento poidan circular de maneira cada vez máis natural”.
Os parques do futuro
No transcurso do encontro, reflexionouse sobre o papel que deben desempeñar os parques ante a transformación tecnolóxica da economía, como debería ser un posible “modelo de parque ibérico 2030”. En relación a este aspecto, expúxose a posibilidade de artellar unha rede ibérica de espazos de experimentación para que empresas españolas e portuguesas poidan probar tecnoloxías e desenvolver proxectos piloto en distintos parques da península; a creación dun posible “pasaporte ibérico” que facilite ás empresas o acceso a servizos de toda a rede; o desenvolvemento dun catálogo compartido de capacidades; xunto a novas fórmulas para acompañar o crecemento de novas firmas innovadoras e pemes e facilitar a súa expansión transfronteiriza entre España e Portugal.

