
A Aula da Rede CeMIT de San Sadurniño vai levar a cabo entre o 20 de outubro e o 15 de decembro un curso gratuíto para que as veciñas e veciños poidan mellorar as súas competencias dixitais para a vida diaria. A acción formativa inclúe bloques sobre o uso do móbil, a seguridade na Internet, os certificados dixitais, a Administración Electrónica, os servizos sanitarios en liña e a intelixencia artificial.
“Todo explicado dun xeito exhaustivo pero moi sinxelo para que calquera persoa poida desenvolverse con soltura”, explican dende o Concello.
As sesións serán os martes de 11:00 a 13:00h, e as prazas son limitadas. As persoas interesadas xa poden anotarse na aula, situada no primeiro andar da Casa da Cultura, ou ben chamar ou mandar un Whatsapp ao 616 016 793. Tamén se pode enviar un correo a cemit.sansadurnino@xunta.gal.
O programa deseñado pola aula busca “proporcionar ferramentas dixitais de utilidade práctica, especialmente aquelas que permiten realizar xestións cotiás con maior autonomía e seguridade”. Os contidos abordaranse en seis accións formativas, cunha orientación moi práctica e adaptada ás necesidades habituais das persoas usuarias.
O primeiro dos bloques temáticos estará dedicado ao móbil e ás súas funcións máis útiles e nel veranse as posibilidades que poñen na nosa man os teléfonos intelixentes, ademais de aprender a configuralos e aproveitar aplicacións e ferramentas que poden facilitar moitas tarefas do noso día a día.
A seguinte parte do curso estará centrada na formación sobre seguridade dixital e prevención de estafas. Incidirase, principalmente, nas pautas para identificar mensaxes, chamadas ou páxinas fraudulentas, protexer os datos persoais e evitar riscos nas operacións que se realizan a través da Internet.
Outro dos bloques tratará sobre o certificado dixital, a Cl@ve e Chave365, explicando para que serve cada un destes tres sistemas de identificación electrónica e como utilizalos para acceder a servizos e realizar trámites sen necesidade de desprazarse ás oficinas administrativas.
A Administración Electrónica e os trámites en liña centrarán outra das propostas, que permitirá familiarizarse coas sedes electrónicas das administracións públicas e cos procedementos máis habituais para presentar solicitudes, consultar información ou realizar xestións pola Rede.
O programa inclúe tamén unha sesión sobre SERGAS Móbil e e-Saúde, destinada a coñecer as ferramentas dixitais do sistema sanitario galego, como consultar información relacionada coa atención sanitaria e acceder aos servizos dispoñibles desde o teléfono ou o ordenador.
Por último, este ciclo de formación que se prolongará durante todo o outono tamén tratará a intelixencia artificial para a vida diaria, achegando as posibilidades destas ferramentas e algúns exemplos prácticos de aplicación en tarefas cotiás, desde a procura de información ata a elaboración de textos ou a resolución de consultas.
Toda esta programación desenvolveranse os martes, entre o 20 de outubro e o 15 de decembro, en horario de 11:00 a 13:00h. A inscrición está aberta e as prazas son limitadas.

