
A Casa do Peso das Pontes vai acoller este mes unha xornada de traballo sobre Novas tecnoloxías na micoloxía: uso responsable, límites e erros. Porase o foco nas ferramentas dixitais e en como se afianzan na nosa vida diaria en materia de observación, rexistro e interpretación da biodiversidade, algo que tamén é aplicable ao estudo dos cogomelos. Será o venres 16 de outubro ás 18.30 horas.
“Aplicacións móbiles, plataformas dixitais e ferramentas baseadas en intelixencia artificial poden abrir novas posibilidades para achegarnos ao mundo dos fungos, pero tamén presentan limitacións que cómpre coñecer”, sinalan dende a organización da xornada, co obxecto de contextualizala e mostrar os seus obxectivos.
A sesión encádrase no marco da Semana Micolóxica Galega COGOMELAR e vén da man de AMABUL, coa colaboración da Asociación Poupariña.
En concreto, a actividade “propón achegarnos a estas ferramentas dende unha perspectiva crítica, aprendendo a valorar a información que ofrecen, recoñecer os seus erros e comprender por que a tecnoloxía non debe substituír o coñecemento, a observación directa e os criterios necesarios para unha identificación responsable”.
Unha oportunidade para unir micoloxía e tecnoloxía sen perder o rigor, fomentando unha relación máis consciente co patrimonio fúnxico e coas ferramentas dixitais que empregamos para coñecelo.

