
A Deputación de Lugo puxo a funcionar o seu Centro de Innovación Territorial (CIT), que nace como espazo de cooperación público-privada e co obxectivo de aplicar solucións tecnolóxicas e industriais ao medio rural para xerar emprego e frear a perda de poboación na provincia.
O proxecto arranca cun equipo de cinco profesionais que se encargará de abrir e xestionar sedes físicas en Navia e Burela, que se sumarán á da sede da Deputación. Haberá persoal permanente nese lugares e outro que se desprazará polos concellos.
Segundo explica a Administración provincial, o CIT da provincia de Lugo servirá de ponte entre administracións, empresas, universidades, centros de investigación e sociedade civil. O seu propósito fundamental é “reactivar a economía local, facilitar o emprendemento, transferir innovación e fixar poboación no territorio”.
O centro conta cunha coordinadora xeral e dous técnicos que serán os encargados de analizar necesidades, captar financiamento e dinamizar redes. Están apoiados por dous profesionais na área de comunicación, atención de consultas e soporte administrativo.
Unha das liñas de traballo do CIT é a obtención de fondos europeos e estatais para financiar proxectos que sexan estratéxicos para o territorio e que xeren emprego e activen a economía. Tamén buscará financiamento para tratar de rehabilitar e dar uso a instalacións que son propiedade da Deputación, como pode ser o antigo hospital psiquiátrico de Castro Ribeiras de Lea, no municipio de Castro de Rei.
Nunha recente visita ao centro de traballo do CIT no pazo de San Marcos, a presidenta da Deputación, Carmela López, trasladou ao equipo a necesidade de explorar vías de financiamento para proxectos relacionados coa captación e a subministración de auga, xa que é unha das demandas que máis recibe dos concellos ante o cambio climático.
Modernización do sector primario e adaptación á nova realidade climática
Outra das liñas de traballo do CIT será apoiar a modernización do sector primario. Os técnicos traballarán a pé de campo como axentes de innovación para conectar as cooperativas con provedores tecnolóxicos e crear casos de éxito que se poidan replicar.
Outro eixo de acción será a xeración de emprego e a retención de profesionais. Prevese a creación dunha plataforma dixital, para conectar profesionais, tanto locais como emigrados que queiran regresar ao territorio, coas empresas da provincia. O proxecto inclúe eventos de traballo en rede (networking) para visibilizar ofertas de emprego cualificado e facilidades para o teletraballo no rural.
A Deputación alíase con outras once provincias
O CIT de Lugo é xa unha das entidades promotoras da Axenda Compartida CITs, unha iniciativa respaldada polo MITECO que reúne a 12 provincias de 9 comunidades autónomas (como Asturias, Burgos, Cáceres, Xaén ou Lleida, entre outros) para artellar a acción colectiva de actores públicos e privados de varios territorios ante retos sistémicos que ningunha entidade pode abordar en solitario. O obxectivo deste grupo promotor é “actuar como un único interlocutor ante o Goberno de España e as institucións europeas para conseguir investimentos directos destinados ao medio rural”.
Neste senso, o pasado venres 24 de setembro, a coordinadora do CIT da provincia de Lugo, Taís Landeira Fernández, participou en Sevilla na presentación desta Axenda.

